Un histórico 0 a 6 fai líder ao Xadrez: Estratexia pola Paz.

IMG_5056

Comparte esta entrada

Un histórico 0 a 6 fai líder ao Xadrez: Estratexia pola Paz.

           
LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

O primeiro equipo da EXP-UVigo, o Xadrez: Estratexia pola Paz, ven de acadar un resultado histórico no xadrez galego. Vitoria a domicilio para os de Pablo García, por un contundente 0 a 6. Se xa é un marcador non moi frecuente, que se produza entre dous dos equipos máis fortes da máxima categoría do xadrez galego, fai que sexa un fito histórico.

Como agasallo engadido polo magnífico resultado de Ferrol, o equipo universitario sobe ó primeiro chanzo da clasificación xeral, cunha vantaxe de 1 punto sobre o segundo e terceiro clasificados, Benchohey e Xadrez Ourense.

A quinta xornada da Liga Galega de Xadrez, deixa un balance de 4 vitorias, 1 empates e 2 derrotas para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo. Os tres equipos da cuarta categoría debutarán o29 de abril:

Primeira División. Empate do Ramón Escudeiro Tilve na casa do Xadrez Karpov A. Vitoria de Álvaro Maquieira, empates para Luís Alonso e Juan Manuel Martínez, xunto á derrota de Rodrigo González.
O equipo, con 11.5 puntos, ocupa a quinta posición, a 5,5 do líder destacado, o CXF-La Marina.

Na Segunda División chegaron boas novas para o EXP-Non á violencia de xénero. O filial universitario derrota 0 a 4 ao Xadrez Marín C, e sae dos postos de descenso directo.
Miguel Alonso, André Herrera, Daniel Giráldez e Xabier Borrajo foron os artífices deste gran resultado. O equipo colócase oitavo, cun total de 9 puntos, e unha vantaxe de 2,5 sobre o primeiro posto de descenso directo.

E na terceira categoría, o EXP-Concello de Pontevedra derrotou 1 a 3 aos compañeiros do EXP-Zona Informática. O EXP-Universidade de Vigo superou 4 a 0 ao Xadrez Albariño B. E o EXP-Chess Cares caeu 0 a 4 na casa do líder, o Academia Enot.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Círculo Ferrolán A 0 – 6 Xadrez: Estratexia pola Paz

 

Viaxe á cidade de Ferrol para enfrontarse a un Círculo Ferrolán moi irregular na presente campaña. Nas 4 primeiras roldas xa encaixaran dúas derrotas, pero tamén foron quen de derrotar ao vixente campión, o Xadrez Ourense.

Sabedores da importancia do encontro, os veteranos mostraron a súa mellor versión. O mesmo capitán foi quen abriu o marcador, e poucos minutos despois sumábase Rivera.

Co 0 a 2 dos Mestres, chegaba a vitoria dun Rubén Fernández moito máis pausado e centrado, nunha partida moi traballada na que tivo que ir aos poucos, incrementando a presión e vantaxe.

Xa superadas as 3 horas do encontro, as partidas restantes mostraban unha clara vantaxe de David Sobrino, lixeira de Alberto Portela e a un Víctor Miguel no xogo máis tolo, ó tempo que divertido, da xornada, cun resultado non predicible. David transformaba a vantaxe, sumando a súa quinta vitoria consecutiva. Alberto chegaba a un final técnico que aínda que laborioso, non se lle ía escapar. E para rematar, e acadar un resultado histórico coma este, o vento ten que soprar de cara, e así foi na partida de Víctor, O seu rei tivo que atravesar o taboleiro dunha punta á outra, baixo o asedio das pezas pesadas inimigas, pero ó acadalo, a posición resultante, xa co monarca protexido, era clara para os visitantes, e así chegaría o histórico 0 a 6.

 

Trala quinta rolda, o Xadrez Estratexia pola Paz encabeza a táboa clasificatoria con 20 puntos, 1 punto máis ca Xadrez Benchoshey e o Xadrez Ourense, segundo e terceiro da xeral provisional.
Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, Alexandre Bóveda con 8,5, Liceo Marquiño e Liceo Ourense con 10,5, e o Circulo Ferrolán con 12.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 15 de abril. O Xadrez Estratexia pola Paz xogará no Green Campus de Pontevedra fronte á Escola Luguesa de Xadrez.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org