Empate en Verín. Os xuvenís do Exp-UVigo mostran o seu potencial.

IMG_1380

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS

LIGA GALEGA DE XADREZ

Empate en Verín. Os xuvenís do Exp-UVigo mostran o seu potencial.

LIGA GALEGA DE XADREZ

12 de febreiro a 9 de abril. Ámbito autonómico.


A viaxe máis longa da liga, máis un Xadrez Verín con dous Grandes Mestres, dous Mestres e dúas das promesas do xadrez luso. A descrición dunha tormenta perfecta, pero un dos escenarios favoritos dos de Pablo García. “A motivación é unha das nosas mellores armas cando nos enfrontamos a equipos de tan alto nivel, como é o caso do Xadrez Verín. Un ingrediente que os nosos xuvenís levan impreso no seu ADN. E se lle sumamos unha boa preparación, é cando chegan resultados como o desta semana, con Rubén derrotando a todo un Gran Mestre, ou Juan Manuel a un dos internacionais portugueses.”

O empate en Verín, deixa ao Xadrez: Estratexia pola Paz no terceiro posto da xeral, por detrás do Círculo Chantadino máis o Xadrez Ourense, xustamente os dous seguintes rivais do equipo universitario.

Na terceira rolda, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 2 vitorias, 3 empates e 1 derrota:

Na Primeira División, o Ramón Escudeiro Tilve derrotou 3.5 a 0.5 aos pontevedreses do Xadrez Karpov. Vitorias de Alvaro Maquiera, Luís Alonso e David Fernández, máis o empate de Miguel Palacios no primeiro taboleiro.

Cae na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero fronte ao Xadrez Albariño A.

E xa na terceira categoría, empates do EXP-Universidade de Vigo fronte ao Padrón D e do EXP Zona Informática fronte o Cum Lauden A, e vitoria do EXP-Chess Cares na súa visita ao Xadrez Rianxo D. O EXP-Concello de Pontevedra descansou nesta rolda.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Verín 3 – 3 Xadrez: Estratexia pola Paz

O desprazamento máis longo da tempada e un dos equipos mais fortes da categoría como rival. Unha xornada maratoniana que comezaba as 13:30 horas e non rematarías ata pasadas as 2 da madrugada. Case unha “tortura”, se non fose polas innumerables atencións recibidas dos anfitrións dende o primeiro minuto ata o último. Un club celoso do cumprimento dos protocolos ao tempo de ofrecer aos visitantes as maiores comodidades posibles. É a súa segunda tempada na máxima categoría, pero cunha aposta en firme polo xadrez de nivel, e por facer do seu, un club ao que é un auténtico pracer visitar.

Ás 17:00 horas daba comezo un encontro no que todos os taboleiros locais tiñan un ELO FIDE, a puntuación da clasificación internacional, superior aos dos visitantes. O Gran Mestre David Lariño fronte a Alberto Portela, o Gran Mestre Luís Galego fronte a Rubén Fernández, os Mestres Medarde e Francisco Veiga fronte a Daniel Rivera e Pablo García, mais os internacionais lusos, Pedro Gil e Ivo Días fronte a David García e Juan Manuel Martínez.

Preto das tres horas de xogo, chegaba a primeira das sorpresas, Rubén Fernández estreaba o seu novo título derrotando ao Gran Mestre Luís Galego. Impecable no xogo táctico, e facendo gala dunha enerxía e dinamismo propios dos grandes campións, imparable.

Saltaban as alarmas cando outro dos xuvenís, Juan Manuel, dobregaba ao internacional luso, Ivo Días. 0-2 para os visitantes, e con 4 partidas bastante favorables en disputa.

Reacción do Xadrez Verín, que levaría o empate provisional ao electrónico, aproveitando os tremendos apuros de reloxo de Rivera e David García.

Alberto Portela e o capitán ben puideron decantar o encontro para os universitarios, xa que ambos tentaban rematar finais con vantaxe material, pero, in extremis, os dous cedían o empate, deixando o 3 a 3 definitivo no marcador.

Trala terceira rolda, Xadrez Ourense segue á fronte da táboa clasificatoria, con 17.5 puntos. Círculo Chantadino é segundo con 14, e o Xadrez Estratexia pola Paz terceiro con 13.5. Nos postos de descenso directo continúan Laroca-Nigrán, Algalia e USC.

A vindeira xornada terá lugar á volta o sábado 12 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz recibe ao Circulo Chantadino. Un fortísimo equipo liderado polos Grandes Mestres, Strikovic, Petkov e Hoffman.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org