Escapa o tren da loita polo título.

R8. Martín Novo Moreira do Ramón Escudeiro Tilve. Primeira División

Comparte esta entrada

 

COMPETICIÓNS

LIGA GALEGA DE XADREZ

Escapa o tren da loita polo título.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

Derrota inesperada do Xadrez: Estratexia pola Paz na casa. O Xadrez Rianxo, capitaneado polo Gran Mestre David Lariño, deu a sorpresa en Pontevedra. Marcador final de 2 a 4, coa primeira derrota en liga do capitán universitario, o Mestre Internacional Pablo García.

Trala oitava rolda, é líder o Xadrez Ourense con 35 puntos, seguido polo Círculo Ferrolán, segundo con 31.5, e o Xadrez: Estratexia pola Paz, terceiro con 30.

Postos de descenso directo para Xadrez Bueu A con 10 puntos, CLUBEXA A con 12, USC con 14,5 e Xadrez Mos A con 21.

A novena rolda da Liga Galega será o sábado 27 de abril. Na División de Honra, os de Pablo García disputarán, en Santiago de Compostela, o choque universitario galego. O USC, en postos de descenso directo, loitará por eludir a confirmación matemática da perda de categoría. Pola contra, os de Pontevedra, tentarán ser contundentes, en agarda do erro do líder. Outro encontro a seguir será o de ourensáns fronte a ferroláns, o primeiro da xeral contra o segundo.

BALANCE DA XORNADA
3 vitorias e 1 derrota dos equipos universitarios na oitava rolda da Liga Galega 2024.
Conta atrás para o debut dos 8 equipos que disputarán a Cuarta División. Preto de 50 novas promesas xogarán o vindeiro 1 de maio a súa primeira proba oficial por equipos.
PRIMEIRA DIVISIÓN
Rolda 8 de 11.

Vitoria contundente do Ramón Escudeiro Tilve na casa contra o líder, o Liceo Marquiño. Resultado de 1 a 3 para os universitarios, con vitorias de Miguel Palacios no primeiro taboleiro, e Bernardo Rebollo no segundo, máis os empates de Álvaro Maquieira no terceiro e Martín Novo Moreira no cuarto.

Disputadas oito roldas, o primeiro filial universitario ocupa o segundo chanzo da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 23 puntos, os mesmos ca o Xadrez Algalia, terceiro, e a 0,5 do Liceo Marquiño, primeiro.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D
Rolda 8 de 11

Imparables os filiais universitarios da Segunda. Cuarta vitoria consecutiva do EXP NON á violencia de xénero, 3,5 a 0,5 fronte ao Liceo Pueblense, e terceira do EXP Concello de Pontevedra, ante o Xadrez Rianxo C, cun novo 4 a 0, o segundo consecutivo, nos seus rexistros.

Tras 8 xornadas, o EXP NON á violencia de Xénero é cuarto con 19 puntos, e o EXP Concello de Pontevedra, quinto con 18,5. Para acadar o dobre ascenso, o primeiro equipo ao que deben adiantar, é o A.C. A Estrada, terceiro con 20.5 puntos.

TERCEIRA DIVISIÓN.
Finalizada.
CUARTA DIVISIÓN
1 de maio. Mondariz, Pontevedra.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Estratexia pola Paz 2 – 4 Xadrez Rianxo A

A sorpresa da xornada. Unha vitoria a domicilio dos rianxeiros, 2 a 4, que deixa case fora da loita polo título ao Xadrez: Estratexia pola Paz.

Sobre o papel e a prior, presentábase unha dura loita nos 3 primeiros taboleiros, cun nivel bastante parello dos contrincantes, pero unha clara vantaxe local nos 3 últimos. O que daba como claro favorito, ao equipo universitario.

Rubén Fernández abriu o marcador do encontro cunha derrota ante o que fora Campión Galego Absoluto, Fernando Sánchez. Non está a ser un bo ano para Rubén, con xa 4 derrotas ás costas.

Víctor Miguel empataba o encontro coa que foi a súa quinta vitoria. Con 5 de 5 é o taboleiro con mellor porcentaxe da Liga.

Outro ex Campión Galego Absoluto, Marcial García, daba vantaxe novamente ao equipo visitante. Marcial saíu en lixeira desvantaxe da apertura, pero aproveitou moi ben os erros do Mestre Rivera, para darlle a volta á partida e vencer nun final cun peón máis ca o rival.

O 1 a 3 chegaba de mans do Gran Mestre Lariño. O guión da súa partida é moi coñecido entre os seus seguidores. David vese superado na fase da apertura, pero cando xa parece decantado o xogo, inventa un e mil recursos, e non é doado rematar coa súa resistencia. Alberto Portela non atinou co remate e rematou por perder unha partida na que acariñou a vitoria.

David García achegaba aos locais no marcador coa súa vitoria ante o portugués Agustín Aboy.

E xa como confirmación da sorpresa da xornada, o capitán encaixaba a súa primeira derrota da tempada. O Mestre Internacional, Pablo García, non tivo un bo día. A elección dunha liña de defensa dubidosa condenouno á loitar en inferioridade durante máis de catro horas. Chegaríalle unha última oportunidade de salvar o empate pero non deu coa secuencia completa. Derrota xusta que pechaba o 2 a 4 definitivo.

O equipo universitario queda a 5 puntos do líder. Con tan só 3 encontros por disputar, xa non dependen deles mesmos. Os de Pontevedra quedan practicamente descartados da loita polo que sería o seu sexto título autonómico,

Lidera o Xadrez Ourense con 35 puntos, 3,5 máis ca Circulo Ferrolán de Xadrez, segundo, e con 5 de vantaxe sobre o Xadrez: Estratexia pola Paz, terceiro. Posto de descenso directo para a USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Xadrez Mos A.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 27 de abril. Os de Pablo García visitan ao Universidade de Santiago de Compostela. O choque universitario galego, no que os de
Pontevedra parten como claros favoritos. O USC é o antepenúltimo clasificado, con 14,5 puntos.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org