Unha vitoria en Chantada mantén aos universitarios na loita polo título.

(Cuarta Division Ida) Promesas EXP

Comparte esta entrada

 

Unha vitoria en Chantada mantén aos universitarios na loita polo título.

       
7 equipos da Escola Xadrez Pontevedra na Cuarta División.
LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

Primeiro escollo superado. O encontro en Chantada, o equipo dos Grandes Mestres Strikovic e Petkov, era un primeiro exame para o Xadrez: Estratexia pola Paz. Unha vitoria pola mínima permite aos pontevedreses seguir soñando co título.

Trala vitoria en Chantada, o Xadrez: Estratexia pola Paz ocupa o terceiro chanzo da xeral. O Xadrez Fontecarmoa comparte o liderado co Xadrez Benchoshey, ambos con 32 puntos, 0,5 máis ca os de Pablo García. Na cuarta praza, con 28.5, aparece o Xadrez Ourense.

A vindeira semana o Green Campus de Pontevedra vivirá un apaixonante choque de trens, unha final anticipada. A tan só 3 roldas para o remate da liga, os universitarios reciben ao líder. O equipo que acade a vitoria neste encontro, será o claro favorito para facerse co cetro galego.

BALANCE de 1 vitoria e 2 derrotas, para os equipos da Escola Xadrez PontevedraUniversidade de Vigo na oitava xornada .
Un total de 7 equipos xogaron o encontro de ida da Cuarta División.

Segunda derrota do Ramón Escudeiro na Primeira División. Ata 5 baixas do cadro titular obrigaron a facer unha reestruturación total do equipo. 2 xogadores do equipo da segunda división, André e Rafael, tiveron que debutar neste encontro. Empates de Álvaro Maquieira e André Herrera, derrotas de José Luís García Bugallo e Rafael Martínez.

Trala oitava rolda, o primeiro filial universitario cae ao sexto posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 17,5 puntos froito de 3 vitorias, 3 empates e 2 derrotas.
Na Segunda División, o EXP Non á violencia de xénero caeu na casa, 0.5 a 3.5, fronte ao Portas A. Tan só Xabier Borrajo puido puntuar, empatando a súa partida. Caeron Miguel Moyano, Marcos Valia e Camilo Ojea.

O equipo descende ao décimo posto da xeral. Cun balance de 2 vitorias, 1 empate e 5 derrotas, suman 11,5 puntos. Ocupa o primeiro posto de descenso directo, aínda que empatado a puntos co noveno, e a 1 punto do oitavo.

Comezo da Cuarta DivisiónGrupo Pontevedra Norte. Dúas únicas xornadas nas que participan as máis novas promesas dos clubs da zona Pontevedra Norte. A base da Escola Xadrez PontevedraUniversidade de Vigo estivo finalmente representada por 7 equipos, e un total de 35 mozas e mozos que están a dar os seus primeiros pasos no xadrez. Vilagarcía de Arousa acolleu esta primeira xornada na que se disputaron os 4 primeiras roldas do torneo. A propia sede da Escola Xadrez Pontevedra acollerá o segundo e definitivo día de competición po vindeiro sábado 13 de maio.

Tralas 4 primeiras roldas, un só equipo, o CXF-Casa Rocío, suma o total de vitorias. Con 6 puntos, froito de 2 vitorias e 2 empates, topamos co primeiro equipo universitario.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Círculo Chantadino 2.5 – 3.5 Xadrez: Estratexia pola Paz

2 Grandes Mestres, 3 internacionais portugueses e o mellor xogador local, agardaban polos universitarios en Chantada. No Xadrez: Estratexia pola Paz, as baixas de Rivera e Víctor Miguel foron suplidas polos xogadores do filial, Juan Manuel e Rodrigo. Sobre o papel, os chantadinos partían como claros favoritos. Con vantaxe de ELO FIDE dos seus xogadores en tódolos taboleiros, agás no do Mestre FIDE portugués, Pedro Gil, cunha clasificación internacional inferior á do Mestre Internacional, e capitán do equipo, Pablo García.

Xa é sabido do bo facer dos de Pontevedra nestas lides, cunha maior motivación, se cabe, polo preto que se estaría dun novo título autonómico.

As táboas de Rubén fronte ao búlgaro Petkov abriron o marcador. A sorte estalle a ser esquiva a Rodrigo. nova derrota co primeiro equipo, nun xogo no que tiña clara vantaxe, pero que se lle foi nos apuros de tempo. Un impecable, Juan Manuel, igualou de novo o encontro coa súa vitoria fronte ao único xogador galego do equipo chantadino. De novo por detrás coa derrota de Portela ante o serbio Strikovic. Alberto foi quen de neutralizar a vantaxe inicial branca, chegando incluso a acariñar a vitoria, pero un par de imprecisións foron suficientes para que o
Gran Mestre subise o 2.5 a 1.5 ao electrónico. Quedaban en xogo os 2 máximos anotadores dos universitarios nesta tempada, desta vez, suficiente para darlle a volta ao encontro. Vitoria clara do capitán fronte a un dos xuvenís máis prometedores de Portugal, Pedro Gil. E punto enteiro tamén para David Sobrino, fronte ao veterano Paulo Pinho. David tivo que sobrevivir ao forte ataque o que o someteu o xogador portugués, e de seguido aproveitar os seus erros nun final de torres.

Trala oitava rolda, o Fontecarmoa empata no primeiro posto co Benchoshey Pereiró de Aguiar, ambos cun total de 32 puntos, 0,5 máis có equipo de Pontevedra. Nos postos de descenso directo atopamos ao Círculo Ferrolán con 20 puntos, Liceo Ourense e Liceo Marquiño con 16.5, e ao Alexandre Bóveda de pechacancelas con 13,5.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 6 de maio. Os de Pablo García recibirán ao novo líder, o Xadrez Fontecarmoa. Un encontro que se presenta coma unha final anticipada, e sen dúbida, coma un choque apaixonante e de calidade, para os afeccionados ao xadrez.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org