Un novo 6 a 0 deixa aos universitarios a un só punto do líder da División de Honra.

R6. EXP-Concello de Pontevedra. Segunda División

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

  

Un novo 6 a 0 deixa aos universitarios a un só punto do líder da División de Honra.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

O Xadrez: Estratexia pola Paz retoma a competición con moita forza. Un 6 a 0, o segundo da tempada, fronte ao Xadrez Mos A, permite aos de Pablo García reducir a súa desvantaxe fronte ao líder, o Xadrez Ourense, a un só punto.

Un novo rapaz da base, Bernardo Rebollo, debuta na División de Honra, acadando o primeiro punto dos pontevedreses.

O vindeiro sábado terá lugar un apaixonante encontro entre o Xadrez Ourense e o Xadrez: Estratexia pola Paz. Unha “final anticipada” na que os ourensáns, con ata catro Grandes Mestres, entre os once internacionais nas súas filas, son claros favoritos. Os universitarios terán que apelar ao espírito combativo e a capacidade de superación que lles levou a gañar 5 títulos autonómicos.

Na Primeira División, o Ramón Escudeiro Tilve suma a súa quinta vitoria da tempada, pero perde o liderado. O filial universitario non pode ascender de categoría, pero a rapazada tentará igualmente loitar polo primeiro posto da categoría.

BALANCE DA XORNADA
5 vitorias e 3 derrotas, para os equipos universitarios na sexta rolda da Liga Galega 2024. Descanso do EXP-Zona Informática no grupo E da Terceira División. Os 6 equipos da Cuarta División xa teñen data para competir, será o 1 de maio en Mondariz.

PRIMEIRA DIVISIÓN
Rolda 6 de 11

Vitoria do Ramón Escudeiro Tilve. 2.5 a 1.5, fronte ao filial do Xadrez Fontecarmoa. Cuarta vitoria de Miguel Palacios no primeiro taboleiro, empate de Alvaro Maquieira no segundo, e moi interesante debut de dúas das promesas locais, Mateo Alonso, que non puido puntuar fronte a Subcampioa Galega Sub16, Irene Diz, e Miguel Casado, quen aos 11 anos, acada a súa primeira vitoria na Primeira División Galega.

Trala sexta rolda, o primeiro filial universitario cae ao segundo chanzo da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 18.5 puntos, polos 19 dun Liceo Marquiño, protagonista do único 4 a 0 da xornada.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D
Rolda 6 de 11.

Dobre 3 a 1 para os equipos de Pontevedra na Segunda División. O EXP Non á violencia de xénero derrotou ao xadrez Rianxo C, e o EXP Concello de Pontevedra ao Xadrez Bueu B.

Disputadas 6 quendas, o EXP Non á violencia de Xénero sobe á sexta posición con 12 puntos, e o EXP Concello de Pontevedra á oitava con 11. Lidera o Padrón B con 18,5.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.
Rolda 6 de 7.

4 a 0 para o EXP-UVigo fronte ao Rianxo D. Magnífico resultado para os de Pontevedra, entrando de cheo na loita por unha das dúas prazas de ascenso en xogo.

Lidera a clasificación o Liceo Noia con 16 puntos, polos 14.5 do EXP-Zona Informática e do EXP-UVigo.

Na sétima e ultima rolda, o Zona Informática recibe ao líder. O filial universitario debe acadar un 3 a 1, ou un resultado maior, para adiantar aos de Noia. De conseguilo, non só ocuparán unha das prazas de ascenso, senón que abren a porta a que o UVigo, acade a outra praza.

Un emocionante peche de liga que se poderá presenciar, en directo e de balde, na sede da Escola Xadrez Pontevedra.

No Grupo G caeron na casa os tres representantes universitarios. O EXP Nona Gaprindashvili contra o Portas Xadrez B, o EXP Promesas fronte ao Fontecarmoa, e o EXP Chess Cares perdía o seu encontro co Albariño B.

O Nona Gaprindashvili segue quinto con 10 puntos, o Promesas sexto con 9.5, e o Chess Cares sétimo con 5.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 6 – 0 Xadrez Mos A

Vitoria contundente e unha boa bolsa de puntos para manterse na loita polo título. O Xadrez Mos é un equipo que debuta na División de Honra, sendo a media de idade dos seus xogadores, a máis baixa da categoría. Un excelente traballo da súa rapazada tróuxoos ata aquí, e aínda que tras este resultado entran en postos de descenso, non llo porán nada sinxelo aos seus rivais directos.
Bernardo Rebollo abriu o marcador para o equipo local. Bernardo, que levaba o 100% no filial da Primeira División, foi convocado polo primeiro equipo, e non defraudou.

Con moita loita pero con erros propios da precocidade dos seus xogadores, foron chegando as derrotas visitantes. Primeiro ante Alberto Portela, despois fronte a David García e Rubén Fernández.
Víctor Miguel colocaba o 5 a 0, na que foi a súa cuarta vitoria consecutiva da tempada.

Finalmente, o Mestre Internacional, Pablo García, pechaba o encontro nunha partida de 5 horas e 78 movementos. O xogador visitante, Xabier Pérez Sousa, foi quen de recuperar unha posición inferior e loitar polo punto enteiro para o seu equipo. A boa técnica nos finais, e unha maior experiencia en competición do capitán universitario, fixo que finalmente o punto quedara na casa.

Trala sexta rolda, lidera o Xadrez Ourense con 26.5 puntos, 1 máis ca o Xadrez: Estratexia pola Paz, segundo, e 3.5 máis ca o Benchoshei, terceiro. Os postos de descenso directo seguen ocupados polo USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Xadrez Mos A.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 13 de abril. Os de Pablo García visitan ao líder, o Xadrez Ourense.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org