Tropezo do Xadrez: Estratexia pola Paz na casa.

R2. Alicia Castillo

Comparte esta entrada

          

Tropezo do Xadrez: Estratexia pola Paz na casa.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

Primeiro tropezo dos universitarios na máxima categoría do xadrez galego. Os de Pablo García caeron na casa fronte aos ourensáns de Pereiró de Aguiar. O 1.5 a 4.5 do marcador final foi a maior sorpresa da xornada. Toque de atención para os pontevedreses e satisfacción máxima para un equipo visitante cuxos deportistas tiñan unha peor clasificación internacional en cada un dos taboleiros.
Tralo primeira derrota da tempada, o Xadrez: Estratexia pola Paz cae ata o sexto chanzo da xeral, a 2 puntos do Xadrez Fontecarmoa, novo líder con 12,5 puntos,
A vindeira semana chega a Pontevedra un dos debutantes na máxima categoría, o CLUBEXA A da Coruña. O equipo visitante leva 3 derrotas e ocupa un dos postos de descenso directo.

BALANCE

3 vitorias, 1 empate e 4 derrotas, para os equipos universitarios na terceira xornada. Descansou o EXP-UVigo da Terceira. Os 6 equipos da Cuarta División agardan ao mes de abril pola programación do seu calendario.

PRIMEIRA DIVISIÓN

Vitoria contundente do Ramón Escudeiro na saída á Guarda. O equipo local, o Xadrez Albatros A, encaixou u 0 a 4 de mans de Miguel Palacios no primeiro taboleiro, Bernardo Rebollo no segundo, Rodrigo González no terceiro e Álvaro Maquieira no cuarto.
Trala terceira rolda, o primeiro filial universitario faise co primeiro posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 10 puntos, os mesmos ca Liceo Marquiño, pero cun mellor desempate.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D

 

Na Segunda División, dúas derrotas. O EXP Non á violencia de xénero caeu pola mínima na visita ao líder e o EXP Concello de Pontevedra encaixaba un severo 0 a 4, fronte ao Baños Print.
Disputadas 3 roldas, o EXP Concello de Pontevedra cae ao oitavo chanzo da xeral, con 5.5 puntos, e cunha desvantaxe de 4 sobre o líder, o Padrón B. O EXP Non á violencia de Xénero e décimo con 3 puntos.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.

No Grupo E, descanso do EXP-UVigo e vitoria a domicilio dos veteranos do EXP Zona Informática. Co empate de Isidro Cortizo no primeiro taboleiro, máis as vitorias de Javier Lozano, Oscar Lorenzo e Adrián Lado dobregaban ao Nemenziño de Santiago de Compostela. Líder da categoría é o EXCompostela Adultos B, con 3 vitorias, seguidos do EXP Zona Informática cunha vitoria e 2 empates.
No Grupo G, as rapazas do EXP Nona Gaprindashvili suman un empate na casa do Xadrez Cum Laude. 2 a 2 con vitorias de María Alonso e Alicia Castillo e derrotas de Alba Perea máis Sara Ortega. O equipo feminino mantén o liderado compartido do grupo, cun balance de 2 empates e 1 vitoria, e un total de 8 puntos.

O EXP Promesas derrotou 3 a 1 aos compañeiros do EXP Chess Cares. Vitoria de Bruno Bernárdez fronte a Martín Cid, de Juscai Justo fronte a Lois Varela, e de Arman Azizbekyan fronte a Juan Pérez. O punto do Chess Cares acadouno Anxo Mejuto fronte a Mateo Méndez.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 1.5 – 4.5 Benchoshey Pereiró de Aguiar

Desastroso final nun encontro que, pola contra. comezou moi ben para o equipo da casa. Alberto Portela abriu o marcador cunha moi boa vitoria fronte a Samuel Villar en pouco máis de dúas horas de xogo. Nese intre, xa Rivera no terceiro, e Miguel Rodríguez no sexto, tiñan unha vantaxe clara. O resto mantiñan a loita aberta.

Unha hora máis tarde, xa todo se torcera. Rubén Fernández e David García foron claramente derrotados polo bo xogo dos visitantes, e a Rodríguez dábanlle completamente a volta á partida. Coa súa derrota chegaba o 1 a 3, aínda cos Mestres Internacionais en xogo, Rivera fronte a campioa do Perú, Karen Zapatá e o capitán fronte ao galego Sixto Puente.

Na cuarta hora, cos reloxos chegando a cero, confirmábase a sorpresa, Zapata cazaba nas complicacións tácticas a Rivera, subindo o 1 a 4 ao marcador. Pablo García tentaría ata o último intre maquillar o resultado. Con excesivo risco chegou a acadar un peón de vantaxe, pero insuficiente para acadar o desequilibrio. O empate pechaba o encontro co 1.5 a 4.5 final.

Trala terceira rolda, Xadrez Fontecarmoa, Xadrez Ourense e Círculo Ferrolán lideran a táboa con 12,5 puntos, polos 10.5 dos universitarios, sextos. Postos de descenso directo para USC, Xadrez Bueu, ClubEXA A e Padrón-EXC.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 9 de marzo. Os de Pablo García repiten como equipo local fronte ao CLUBEXA A, décimos con 5,5 puntos.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org