Tres bronces, e un quinto posto, pechan a Liga Galega para os universitarios.

R2. Primeira División

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

Tres bronces, e un quinto posto, pechan a Liga Galega para os universitarios.

   

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

O primeiro equipo de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo suma un novo podio na elite do xadrez galego. Un bronce con certo sabor agridoce para os universitarios. Satisfeitos por estar un ano máis na loita polo título ata o final, pero co desgusto de perder a segunda posición, por só medio punto, e no tempo de desconto.

Título de Campión Galego para o Xadrez Ourense con 48,5 puntos, a prata para o Xadrez Fontecarmoa A con 42, e bronce para o Xadrez: Estratexia pola Paz con 41,5.

Os ourensáns suman o seu terceiro título autonómico. Un rexistro superado unicamente polos de Pablo García, con 5 coroas no seu haber, e pola EI Kasparov-Marcote, dominadora absoluta do xadrez galego durante dúas décadas.

Perden a categoría a USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Xadrez Mos A

Os novos integrantes da elite do xadrez galego para o 2025 son, Liceo Ourense, Escola Luguesa de Xadrez, Sociedade Liceo Marquiño e Alexandre Bóveda.

BALANCE DA XORNADA
1 vitoria, 1 empate e 2 derrota para os equipos universitarios na décima rolda da Liga Galega 2024.

PRIMEIRA DIVISIÓN
Rolda 11 de 11.

O EXP-Ramón Escudeiro Tilve pecha a competición cun empate fronte ao Algalia A. Un vibrante choque, entre segundo e terceiro da xeral, que se saldou coas vitorias de Álvaro Maquieira e Rodrigo González, derrotas de Miguel Palacios e Bernardo Rebollo.

O primeiro filial universitario remata na terceira praza da clasificación xeral. Os de Pontevedra sumaron 31 puntos, cunha bagaxe de 8 vitorias, 2 empates e 1 derrota. O Algalia A foi segundo con 32, e Liceo Marquiño primeiro con 34,5.

Os equipos clasificados do segundo ao quinto posto integrarán na vindeira tempada unha nova división, Preferente. Antesala da que é a elite do xadrez galego, a División de Honra, tamén se disputará a seis taboleiros, e contará cun grupo Norte de Galicia, e un grupo do Sur.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D
Rolda 11 de 11

Remate de liga espectacular do EXP-Concello de Pontevedra. O 3.5 a 0,5 fronte ao Albariño A foi a sexta vitoria consecutiva dun equipo onde xogan os “veteranos” da entidade. Aínda que tiveran un comezo de competición un tanto dubitativo, souberon retomar a boa senda e asinar a mellor segunda metade do grupo, cun impresionante rexistro de 18 vitorias, 2 empates e sen derrotas.

Tralas 11 xornadas de liga, o EXP Concello de Pontevedra clasificou na terceira posición. Un bronce que representa ademais o ascenso á Primeira División 2025.

O EXP NON á violencia de Xénero encaixou unha derrota fronte ao filial do Fontecarmoa. Un 1,5 a 2,5 coa que foi a primeira derrota do xogador revelación da tempada, Carlos Rivera. “Riverita Junior” chegaba a esta rolda cun rexistro de 8 de 8. O equipo rematou quinto con 24.5 puntos.

TERCEIRA DIVISIÓN.
Finalizada.

CUARTA DIVISIÓN
Finalizada.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Fontecarmoa A 4 – 2 Xadrez Estratexia pola Paz

Chegaban os de Pontevedra como único equipo con opcións matemáticas de arrebatarlle o título aos ourensáns. Todo pasaba por unha vitoria contundente en Vilagarcía, máis un tropezo moi grande do líder. Non se deu ningunha das dúas premisas.

Os de Ourense sumaron unha nova vitoria e os de universitarios encaixaron a cuarta derrota do ano.

O choque co Fontecarmoa é dos que non decepciona aos afeccionados. De inicio, mellor clasificación internacional dos xogadores locais, acentuada nos 3 primeiros taboleiros, pero sobre o terreo, cada punto teñen que sualo. A maioría das partidas destes enfrontamentos chegan ás premas do reloxo. É o máis divertido para o público, porque os xogadores teñen que tomar moitas decisións, en moi poucos segundos, as veces chegan a facer 2 movementos por segundo.

Desta vez, nos momentos críticos, estiveron máis atinados os vilagarciáns. Tres posicións interesantes, nas que os visitantes estaban preto de igualar, caeron do lado local. Perdían Alberto Portela, Rubén Fernández e Daniel Rivera.

Co 3 a 0, os universitarios xa non podían pensar no título e tocaba defender a segunda posición. Tiñan que sumar 2.5 puntos dos 3 restantes, xusto o que semellaba ía acontecer, cun empate de David García e as vitorias do capitán máis do debutante David Fernández. Chegou o empate de David pero fallaba o capitán. O Mestre Internacional pontevedrés non atinou a rematar unha posición moi vantaxosa. Omitiu un último recurso defensivo do rival que forzaba o empate. A, moi ben traballada, vitoria de David Fernández, vixente Campión de España Absoluto da FEDC, non era suficiente para reter o subcampionato. O 4 a 2 deixou aos de Vilagarcía con 0,5 puntos máis na táboa clasificatoria.

Trala undécima xornada, o título vai para o Xadrez Ourense A con 48,5, prata para o Fontecarmoa A con 42. Completa o podio o equipo da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, con 41,5 puntos, froito de 6 vitorias, 1 empates máis 4 derrotas.

Comentario do capitán:
“Remata a Liga Galega 2024, á que nos chamamos “o laboratorio”, con varias lecturas interesantes. Nunha mostra de determinación e paixón, un equipo con recursos limitados está desafiando as probabilidades para loitar polo título. Estes mozos están demostrando que o compromiso e a formación poden superar calquera obstáculo.
A clave deste éxito sorprendente, radica nos mozos valores que foron moldeados pola dedicación e o compromiso do seu equipo. Aínda coas numerosas ofertas que reciben doutros
equipos cada ano, con maior presión sobre aqueles que acadaron xa a titulación de Mestre FIDE, coma Alberto Portela Peleteiro, Rubén Fernández, David García Sobrino ou Víctor Miguel Lago, estes talentos emerxentes seguen fieis á súa casa, demostrando a súa lealdade e gratitude cara ás persoas que os guiaron no seu desenvolvemento deportivo.
Este equipo non só loita por un título, senón que tamén está a inspirar a toda unha xeración de deportistas, a crer neles mesmos e nas súas habilidades, independentemente dos recursos dispoñibles. A súa historia é un testemuño de que o verdadeiro éxito non se mide só en trofeos, senón no coraxe e a determinación para superar desafíos, aparentemente insuperables. Parabéns a todos os que fixestes, e facedes cada día, o noso soño realidade. Por moitos anos máis.”

A vindeira cita terá lugar o sábado 25 de maio. Os de Pablo García participarán na Campionato Galego por equipos Lóstrego 2024.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org