“Tocados pero no afundidos.”

(R8) Terceira. EXP-Nona Gaprindashvili

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

 

“Tocados pero no afundidos.”

LIGA GALEGA DE XADREZ
1 de febreiro a 3 de maio. Ámbito autonómico.

O Xadrez: Estratexia pola Paz encaixou a segunda derrota da tempada, a primeira na casa. Ningún equipo acadou saír en positivo do campus pontevedrés, ata a chegada do vixente campión. A sorte foille esquiva aos pontevedreses, nun encontro que dominaron con claridade, pero que rematou co 2 a 4 para os visitantes.

O primeiro equipo queda tocado pero aínda non afundido. A vitoria pola mínima dos ferroláns deixa aos de Pablo García a só 3 puntos do líder, con 18 en xogo, máis o encontro directo da última rolda.

Capitán: “Non foi un bo día, pero tentaremos batallar ata o último intre. Quizais o máis negativo é que os de Ourense tamén entran de cheo na loita polo título. Temos que facelo mellor ca eles, e chegar a unha desas últimas roldas que tanto nos gustan, onde a presión fainos máis perigosos”.

BALANCE DA XORNADA

4 vitorias, 2 empates e 6 derrotas, para os equipos universitarios na sexta rolda da Liga Galega 2025.
Os 8 equipos da Cuarta División agardan ao mes de Mayo pola programación do seu calendario.

DIVISIÓN DE HONRA

Xadrez: Estratexia pola Paz 2 – 4 Xadrez Ourense
(Crónica despois do resumo de resultados)

PREFERENTE

Nova vitoria do Ramón Escudeiro Tilve. Marcador final de 4.5 a 1.5 fronte aos veciños do Portas A.
Vitorias de Miguel Palacios, Miguel Rodríguez, David Fernández e Alejandro Fojo. Empate de Bernardo Rebollo e derrota de David García.

A categoría remata o vindeiro sábado. O primeiro filial universitario, agora cuarto con 27 puntos, tentará dar caza ao segundo, que conta con 29.

PRIMEIRA DIVISIÓN

CXF Concello de Vilagarcía 3 – 1 EXP Concello de Pontevedra

Derrota inesperada en Vilagarcía fronte a un dos pechacancelas do grupo. O equipo mantén a quinta praza. Con 17 puntos, quedan a 3 do líder, o Padrón B.

Perderon Rodrigo González, Marcos Valia García e Andrés Cacabelos. A única vitoria chegou de mans de Martín Moreira, ascendido da segunda categoría.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupos D e E.
Grupo D.

Terceiro pleno da rapazada do EXP-UVigo. O marcador final, 0 a 4, acadárono fronte a un rival directo polos postos de ascenso, o Academia Enot, tamén de Pontevedra. Punto completo para Javier Lema, Miguel Casado, Mateo Alonso, e Teo Rodríguez.
Tralos 8 encontros disputados, o Exp-Uvigo ocupa a segunda posición, a 0.5 puntos do líder, o Padrón D, e cunha vantaxe xa de 7,5 puntos sobre o terceiro clasificado. Os dúas primeiros clasificados soben de categoría.

Grupo E.

Empate do EXP Non á violencia de xénero na casa do Xadrez Albatros B. O equipo, con 18 puntos, comparte o segundo chanzo, a tan só 1 punto do líder, o Xadrez Bueu B.
O EXP Zona Informática caeu en Vigo fronte ao Lucena Caro Cants. O 2.5 a 1,5 permítelles seguir mirando o descenso cunha vantaxe de 1,5 puntos.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupo G.
Grupo G.

Vitorias do EXP-Peóns do Lérez e do EXP-Chess Cares. 4 a 0 dos primeiros fronte aos benxamíns do EXP-Promesas, e 3 a 1 dos segundos, fronte aos compañeiros do EXP-Pontevedra en Xaque.

2 a 2 do EXP-Fai a túa mellor xogada fronte ao Monte dos Pozos. E derrota das rapazas do EXP-Nona Gaprindashvili, 3,5 a –0,5 na casa do Xadrez Mos H. O equipo feminino só puido presentar a 3 xogadoras neste encontro.

A vindeira semana remata a competición desta categoría. O EXP-Chess Cares é o equipo mellor clasificado, cuarto, a 1,5 puntos do terceiro.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 2 – 4 Xadrez Ourense A

1 vitorias, 2 empates e 3 derrotas conformaron o 2 a 4 do marcador final.

O xadrez é un dos deportes máis ingratos, na medida na que un erro pode botar por terra todo o traballo previo dunha partida. Este podería ser perfectamente o resumo do encontro fronte ao vixente campión.

Pasadas as dúas horas de xogo, os taboleiros amosaban un claro dominio universitario. Daniel Rivera e Rubén Fernández con vantaxe decisiva, Gustavo Ribeiro, Víctor Miguel e o capitán, con lixeira, tentando sentenciar, e só Alberto Portela inferior, pero na busca da pesca en río revolto. Todo ía dar un xiro desastroso para os universitarios.

Non está a ser o ano dos Mestres Internacionais do equipo. O capitán omitiu un golpe táctico que forzou o abandono inmediato, e Daniel perdeu o control do xogo coa presión do tempo. Segunda derrota de ambos nesta liga.

Portela estivo a piques de virar o rumbo da súa partida, pero como din os xogadores de mus, remar para morrer na beira. Tamén é a segunda derrota de Alberto neste ano.

Víctor Miguel recortaba distancias, na que foi a única vitoria local. Víctor está nun bo momento, e non deixou escapar a súa vantaxe.

Os máis novos, Rubén e Gustavo, confirmaban o desastre da xornada. Ambos chegaron a finais técnicos bastante sinxelos de rematar, pero ningún dos dous sumou o punto enteiro. Rubén pola excesiva celeridade do seu xogo e quizais Gustavo, pola falla de experiencia nestas posicións. Unha mágoa, polo excelente traballo previo que fixeran.

O 2 a 4 foi un duro golpe, pero non hai tempo para lamentos. Quedan 18 puntos en xogo, e aínda que a desvantaxe co líder é de 3, o enfrontamento directo da última xornada abre a porta a posibilidade da remontada, iso si, sen marxe xa para erros.

Trala oitava rolda, o Círculo Ferrolán encabeza a clasificación xeral con 33,5 puntos, segundo é o Xadrez Ourense con 33, e terceiro o Xadrez Estratexia pola Paz con 30,5.

Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, Liceo Ourense con 18, Alexandre Bóveda de A Coruña e Xadrez Rianxo con 14,5.

A novena xornada terá lugar o sábado 5 de abril. O Xadrez Estratexia pola Paz terá que desprazarse ata A Coruña para xogar contra o Alexandre Bóveda A. Último tren para os de Pablo García. Se queren manter opcións polo título, terán que colleitar un bo botín de puntos fronte ao pechacancelas.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org

Tódolos sábados, a partir das 17:00 horas, o público poderá presenciar en directo os encontros dos equipos de xadrez. Entrada de balde na Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus Universitario de Pontevedra,