Pontevedra, bastión inquebrantable. – Liga Galega por equipos 2023

(Cuarta Division Ida) Promesas EXP

Comparte esta entrada

Pontevedra, bastión inquebrantable.

O Gran Mestre, Manuel Pena, participa no empate fronte ao líder.
LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

O Xadrez Fontecarmoa, líder antes da novena rolda, chegou a Pontevedra co seu mellor equipo posible. Sabedores da importancia de derrotar aos universitarios, clasificados a só medio punto, e cun calendario máis favorable, non podían deixar ningún cartucho na recámara.


Polo cadro local, a nova máis destacada dos últimos anos, o regreso do “fillo pródigo”. O Gran Mestre, Manuel Pena, de novo tirando do equipo. Manuel é un dos tres Grandes Mestres cos que conta Galicia, formouse deportiva e academicamente na Universidade de Vigo, e foi peza fundamental no camiño que levou ao equipo á Primeira División Nacional, na que se mantivo e ata chegou a disputar unha semifinal.

Dende hai case unha década, o xadrez levouno a desenvolver a súa carreira en Hong Kong, aínda que sempre en estreito contacto coa súa xente, e anhelando unha oportunidade coma esta, a coincidencia dunha das súas voltas á terriña, cunha xornada de liga na que de novo xogar baixo o mando do capitán.


Definitivamente e a só dúas roldas para o remate da competición, a liga será unha loita de tres, o Xadrez Benchoshey, primeiro con 36, o Xadrez Fontecarmoa, segundo con 35 e o Xadrez: Estratexia pola Paz, terceiro con 34,5. A vantaxe en puntos dos dous primeiros non descarta aos de Pontevedra, que contan cun calendario moito máis favorable. O líder pasará pola casa do vixente campión na seguinte xornada, e os do Fontecarmoa xogarán, na última, na Chantada dos Grandes Mestres Strikovic e Petkov.


Balance de 1 vitoria e 2 empates na novena rolda da Liga Galega. Os sete equipos da cuarta categoría xogarán a fase final o vindeiro sábado 13 de maio.


Na Primeira División o Ramón Escudeiro Tilve derrotou pola mínima, 2,5 a 1,5, ó ALbatros A da Guarda. Vitorias de David Fernández e Miguel Palacios, empate de Álvaro Maquieira, caeu Rodrigo González.
Trala novena rolda, o primeiro filial universitario ocupa o sexto posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 20 puntos froito de 4 vitorias, 3 empates e 2 derrotas.


Na Segunda División, empate do EXP Non á violencia de xénero fronte ao Xadrez Bueu B. Vitoria de Mateo Soto no seu debut na categoría, empates de Daniel Giráldez e Marcos García, e derrota de André Herrera.
O equipo sae dos postos de descenso directo. Cunha bagaxe de 2 vitorias, 2 empates e 5 derrotas, suman 13,5 puntos, un máis co filial do Fontecarmoa , primeiro equipo en posto de descenso.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 3 – 3 Club Xadrez Fontecarmoa


Vantaxe para os visitantes, no que a ELO internacional se refire, en catro dos seis taboleiros, aínda que con 5 xogadores con titulación por bando. Sobre o papel, a presenza de Manuel Pena, equilibraba a contenda.


Un empate final do que non quedan satisfeitos ningún dos contendentes. Bateron con forza os locais no inicio, máis os visitantes déronlle a volta o encontro e acariñaron a vitoria final. 2 a 0 coa vitoria de Juan Manuel fronte ó Mestre FIDE, Dan Cruz, e co punto dun Manuel Pena impecable, que non perde a forza que o levou a obter a máxima titulación no xadrez. Un mal día para os veteranos traería o empate. Un erro grave nos primeiros compases fixo inútil a loita de máis de 3 horas do capitán. Pola contra, unha boa vantaxe de Rivera na apertura, estragouse nos últimos compases coa presión do reloxo.

E tamén baixo o exixente ritmo do tempo, unha vez esgotadas as 3 horas asignadas inicialmente, perdía o control da posición Alberto Portela fronte ó Mestre Internacional, Julio Suárez. O minuto dourado para os visitantes co 2 a 3 no marcador, e o seu mellor taboleiro, o Mestre Internacional Roi Reinaldo, en xogo. Pero na fronte estaba un inspirado Rubén, o que aínda en desvantaxe material, foi complicando a partida ata forzar o erro de Reinaldo, e despois transformar en vitoria un final no que Reinaldo case acariñaba o empate. 3 a 3 e emoción ata o final.


Trala novena rolda, o Benchoshey Pereiró de Aguiar recupera a primeira posición. Os ourensás suman 36 puntos, polos 35 dos do Fontecarmoa e os 34,5 dos de Pontevedra.
Nos postos de descenso directo atopamos ao Círculo Ferrolán con 24,5 puntos, Liceo Ourense con 19, Liceo Marquiño con 18, e ao Alexandre Bóveda de pechacancelas con 16.


A vindeira xornada terá lugar o sábado 13 de maio. Os de Pablo García viaxarán a Noia para enfrontarse a un dos equipos xa descendidos, o Marquiño A. Unha moi boa oportunidade de achegarse, ou incluso recuperar, o primeiro posto da xeral.Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org