Os de Pablo García chegan ao treito final cos deberes feitos.
Remata a Terceira División co ascenso do EXP-Concello de Pontevedra.
LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.
Vitoria dos universitarios, 4.5 a 1.5, fronte ao pechacancelas, o Alexandre Bóveda da Coruña. Un resultado contundente pero insuficiente para recuperar o liderado da proba. Os de Pontevedra manteñen, a 4 xornadas para o remate da liga, a segunda posición.
A loita polo cetro galego presentase apaixonante, con 4 equipos nunha marxe de tan só 3 puntos. Lidera o Xadrez Benchoshey con 29 puntos, polos 28 do Xadrez: Estratexia pola Paz, os 27,5 do Xadrez Fontecarmoa e os 26 do vixente campión, o Xadrez Ourense.
Xornada redonda para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo na sétima. Cunha bagaxe de 5 vitorias, 1 empates e 1 derrotas, e co ascenso directo do EXP-Concello de Pontevedra á Segunda División Galega.
Os sete equipos da cuarta categoría debutarán o vindeiro sábado 29 de abril:
Na Primeira División o Ramón Escudeiro Tilve derrotou a domicilio, 1 a 3, a un dos rivais directos na loita polos primeiros postos, o Algalia de Santiago de Compostela. Vitorias de Rodrigo González, Miguel Palacios e Álvaro Maquieira, caeu José Luís García Bugallo. Trala sétima rolda, o primeiro filial universitario mantense na cuarta posición da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 16,5 puntos froito de 3 vitorias, 3 empates e 1 derrota.
Na Segunda División, chegaba a única derrota da xornada. Un EXP Non á violencia de xénero con moitas baixas perdeu 4 a 0 na casa do lider, o Breogan A. Daniel Giráldez liderou un
equipo con 3 incorporacións da rapazada da terceira división, Laura Alonso, Javier Lozano e Andrés Sánchez.
O equipo baixa ao oitavo posto da xeral. Cunha bagaxe de 2 vitorias, 1 empate e 4 derrotas, suman 11 puntos, un só máis co Albariño A, primeiro equipo en posto de descenso.
Na Terceira categoría chegaron as mellores novas do día. O EXP-Concello de Pontevedra empatou fronte ao líder, o Academia Enot. Un resultado que lle deu o segundo posto final, e polo tanto unha das prazas de ascenso directo. Un ascenso no que os compañeiros do EXP-Zona Informática foron protagonistas destacados grazas a súa magnífica vitoria, 1 a 3, fronte ao equipo que ocupaba a segunda praza ao comezo da xornada, o Xadrez Portas B.
A Terceira División rematou para os universitarios co ascenso do EXP-Concello de Pontevedra, a cuarta praza do EXP-Zona Informática, a quinta para o EXP-Universidade de Vigo e a sexta para o EXP-ChessCares.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 4.5 – 1.5 Alexandre Bóveda A
Un encontro no que os universitarios partían como claros favoritos, fronte a un rival que xa fixo historia no mesmo intre no que inscribiron ao equipo. Por primeira vez no xadrez galego, 5 mulleres forman parte dun dos equipos da máxima categoría. A mestra cubana, Karla Fernández, é tamén a primeira muller en defender o primeiro taboleiro dun equipo da División de Honra. Polo momento, só nunha das roldas, xogaron 4 delas, o que supón unha nova marca, pero todo apunta a que antes do remate da liga, o farán as 5. Sen dúbida é unha das novas máis destacadas da tempada, polo referente que son para todas as mulleres, en especial para as máis novas, nun deporte no que a presenza masculina e moi dominante.
O equipo universitario presentouse coas importantes baixas forzadas de Alberto Portela e Daniel Rivera. Postos que cubriron Juan Manuel Martínez máis o debutante David Fernández, membro do equipo olímpico nacional de xogadores con discapacidade visual.
Juan Manuel abriu o marcador en pouco máis dunha hora de xogo. Unha boa preparación da apertura máis un erro táctico do rival, foron suficientes para anotar o primeiro punto local. A sorpresa chegaría pouco despois, o Alexandre Bóveda equilibraba a contenda ao sumar o punto no sexto, fronte ao debutante David Fernández. David tivo o camiño gañador nas súas mans pero errou na orde correcta das xogadas. Por desgraza para el, a propiedade conmutativa non se da no xadrez. Rubén volvía colocar por diante aos locais cunha boa e técnica vitoria sobre a xogadora cubana. Non o terían tan doado, Víctor Miguel, con posición inferior trala apertura, pero da que puido rescatar o empate. David Sobrino, que tivo que agardar polos erros do seu rival para anotar o punto. E o capitán, nunha partida moi divertida para o público polos moitos golpes tácticos que se podían albiscar, pero moi difícil de controlar. A súa maior experiencia e dominio técnico foron determinantes e serviron para subir o definitivo 4.5 a 1.5 ao electrónico.
Trala sétima rolda, o Benchoshey Pereiró de Aguiar mantén a primeira posición. Os ourensás suman 29 puntos, polos 28 dos de Pontevedra e 27,5 do Fontecarmoa. Nos postos de descenso directo atopamos ao Círculo Ferrolán con 18,5 puntos, Liceo Ourense con 14,5, Liceo Marquiño con 12.5, e ao Alexandre Bóveda de pechacancelas con 11.5.
A vindeira xornada terá lugar o sábado 29 de abril. Os de Pablo García terán a primeira das 4 finais que lles agardan. Desta vez en Chantada, fronte ao potente Círculo Chantadino. Un equipo co Gran Mestre serbio, Strikovic, e co Gran Mestre búlgaro, Petkov, coma primeiras espadas, xunto a varias das mellores promesas do xadrez portugués.
Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org