OLIMPÍADAS EN LIÑA PARA XOGADORES CON DISCAPACIDADE

WhatsApp Image 2020-11-20 at 13.18.37

Comparte esta entrada

COMPETICIÓN

OLIMPÍADAS EN LIÑA PARA XOGADORES CON DISCAPACIDADE

David Fernández máis Mari Carmen Lago, chamados ás Olimpíadas.

  
David e Mari Carmen teñen en común o seu vínculo coa Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, pero é que ademais, son fillo e nai. Vai ser a primeira vez na historia do deporte español, que unha nai, e un fillo, defendan as cores do mesmo equipo nacional nunhas Olimpíadas. Podemos atopar outros exemplos de pais e fillos ou nais e fillas olímpicos, pero non no mesmo tempo.

A Federación Internacional de Xadrez organiza esta primeira Olimpíada en liña para deportistas con discapacidade, nun contexto no que a Covid-19 obrigou á cancelación da maioría das competicións presenciais, e no que o xadrez está a vivir un auxe sen precedentes. É un dos poucos deportes que se pode practicar en liña, unha apaixonante alternativa para o tempo de ocio ou unha valiosa ferramenta educativa, son algunhas das razóns que están a por en boca de moitos o milenario xogo do xadrez.

A competición terá lugar do 21 ao 27 de novembro. Os equipos son mixtos e competirán xogadores con discapacidade visual, auditiva ou física. O combinado nacional parte no posto 21 dos 61 equipos participantes.

A “vermella” está formada, ademais de por Mari Carmen e David, por Albert Olivera, Agustín Fernández, Gavril Draghici e Ana Linares. O seu capitán é o Gran Mestre israelí, Arthur Kogan.

En España as partidas poderanse seguir na plataforma chess24.com, cos comentarios e análises de Grandes Mestres do xadrez.
Mestre Internacional Pablo García (Xerente da Escola Xadrez Pontevedra – Universidaded de Vigo):

“ Trátase dun auténtico balón de oxíxeno emocional. Nun momento no que a nosa sociedade, e cada un de nós, estamos a padecer as consecuencias desta pandemia, a nosa escola tamén está a loitar pola súa propia supervivencia, esta convocatoria de David e Mari Carmen é unha auténtica inxección de ilusión, unha recarga completa de enerxía. E é que neste caso concreto, non só estamos a falar de dous deportistas, ambos forman parte do ADN desta escola, son da familia.

David é un magnífico exemplo de inclusión, foi o primeiro traballador en nómina da Escola Xadrez Pontevedra!. Entregouse en todos e cada un dos proxectos da escola, deportivos, educativos e sociais, ata se converter nunha peza imprescindible de cada un deles. É un exemplo de que as limitacións é un mesmo quen as marca. Adestra á rapazada, forma adestradores, dirixe torneos, arbitra, é un dos integrantes dos equipos de inmersión nos campos de refuxiados do noso proxecto “Xadrez Estratexia pola Paz”, un dos que máis paixón transmite nas
visitas aos centros educativos para concienciar á rapazada, e tamén, entre outras moitas cousas, a primeira
man cando nos toca montar ou recoller a loxística das nosas actividades. E aínda atopa tempo para seguir
medrando na faceta de deportista e acadar un éxito coma este.

De Mari Carmen, “pouco” podemos dicir, creo que o vou resumir sinxelamente dando a coñecer cal é o seu
alcume entre nós, “a madriña da Escola”. De sempre estivo connosco, apoiando cada unha das actividades que
fixemos, temos rapaces que aínda non naceran cando xa Mari Carmen “obrigaba” a vir aos compañeiros da
ONCE de toda España, a apoiar e participar nos eventos da escola. Un exemplo de superación como muller, e
como muller con discapacidade.”

Mestre Internacional Daniel Rivera (Director Técnico da Escola Xadrez Pontevedra, Deportista olímpico
do Uruguai e ex seleccionador do equipo olímpico da ONCE):

“ Penso que se trata dun dos maiores éxitos do deporte para nós como Escola, e tamén para Pontevedra.
Representar ao teu país é un soño e o premio a un traballo que esixe grandes sacrificios. Como adestrador non
podo deixar de emocionarme, porque tócache vivir con eles os momentos máis difíciles, as derrotas, os baixóns,
tódalas horas de traballo, e sen dúbida esta é unha das mellores recompensas. Tamén porque é inevitable
lembrarnos do noso “Ramoncito”, Ramón Escudeiro Tilve, sete veces Campión Nacional e Medalla de bronce
no Mundial Xuvenil do 2005, un dos deportistas con discapacidade máis laureado do deporte pontevedrés, un
exemplo de superación que nos deixou o modelo de valores que intentamos inculcar a nosa rapazada.
A partir do sábado, toda a Escola, e agardamos que toda Pontevedra, estaremos a animar a David e Mari
Carmen, á nosa selección!! ”.

LIGAZÓNS

CHESS 24 Partidas en directo

Chess-results: Resultados e clasificacións

Toda a información oficial e imaxes dos campionatos na páxina web oficial da Federación Internacional de
Xadrez www.fide.com e na ligazón para o deporte con discapacidade

Gabinete de prensa da Escola Xadrez de Pontevedra
escola@xadrezpontevedra.com