O Xadrez: Estratexia pola Paz recupera o primeiro chanzo na División de Honra.

R4. Equipo feminino na AAVV San Roque Pontevedra

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

O Xadrez: Estratexia pola Paz recupera o primeiro chanzo na División de Honra.

A Asociación de Veciños de San Roque acolle ao xadrez de base pontevedrés.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

O Xadrez: Estratexia pola Paz derrota ao ClubEXA A de A Coruña. O 5,5 a 0,5 do marcador final leva de novo aos de Pablo García ao primeiro posto da xeral. Un liderado compartido co Xadrez Ourense, ambos con 16 puntos, 0,5 máis có Círculo Ferrolán, terceiros da táboa.


O vindeira sábado os de Pontevedra viaxarán a Ferrol no que se presenta como o choque da xornada. Un encontro de máxima emoción ente o primeiro e o terceiro clasificado.

A Asociación de Veciños de San Roque Pontevedra, acolleu, no seu local social, aos equipos da Terceira División Galega, á base do xadrez pontevedrés. A hospitalidade da veciñanza de San Roque chegou como auga de maio para a Escola Xadrez Pontevedra. A imposibilidade de desenvolver a competición na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a casa do xadrez nos últimos anos, deixou nunha moi complexa situación á entidade, con 15 equipos e máis de douscentos deportistas federados, sen espazo para competir.


A directiva da Escola Xadrez Pontevedra: “Temos que agradecer enormemente o xesto da veciñanza de San Roque. Despois de adiamentos, cambios de horarios de xogo con outros clubs, e moito, moito estrés, albiscabamos xa ao límite das nosas posibilidades. Chegou xusto cando xa estabamos a pensar na retirada forzosa de varios dos equipos da rapazada. Foi un xesto moi xeneroso, xa que non só falamos dun espazo, senón que os nosos anfitrións acompañáronnos as máis de 4 horas dos encontros, nun dos días de descanso da fin de semana. San Roque terá unha nova xornada de xadrez o sábado 6 de abril e a nosa rapazada poderá continuar gozando do xadrez en Pontevedra”.

BALANCE DA XORNADA

3 vitorias, 1 empate e 5 derrotas, para os equipos universitarios na cuarta rolda da Liga Galega 2024. Os 6 equipos da Cuarta División agardan ao mes de abril pola programación do seu calendario.

PRIMEIRA DIVISIÓN

Vitoria e liderado para o Ramón Escudeiro Tilve. O 3 a 1 acadado fronte ao Xadrez Portas A, deixa aos pontevedreses no primeiro posto da xeral, cunha bagaxe de 3 vitorias máis 1 empate, Derrota de Alejandro Fojo no primeiro taboleiro, vitorias de Miguel Palacios no segundo, Bernardo Rebollo no terceiro e Rodrigo González no cuarto.

Trala cuarta rolda, o primeiro filial universitario faise co primeiro posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 13 puntos, polos 12 do Liceo Marquiño, e os 11.5 do Xadrez Algalia.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D

Mala xeira na Segunda División, dúas novas derrotas afastan aos equipos universitarios dos primeiros postos da xeral. O EXP Non á violencia de xénero perdeu 1.5 a 2.5 fronte ao Xadrez Bueu B, Tamén pola mínima caía o EXP Concello de Pontevedra fronte ao A.C. A Estrada.
Disputadas 4 roldas, o EXP Concello de Pontevedra é noveno, con 7 puntos, e o EXP Non á violencia de Xénero décimo con 5. Lidera o Padrón B con 13.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.

No Grupo E, empate do EXP-UVigo fronte ao filial do CXFontecarmoa e vitoria contundente do EXP Zona Informática fronte ao Xadrez Rianxo D.

As vitorias de Isidro Cortizo, Alberto Fernández, Cesáreo González e Manuel Freiría levan ao EXP Zona Informática ao primeiro posto da táboa clasificatoria. O UVigo é terceiro a 5 puntos pero cun encontro menos disputado.

No Grupo G, chegaron as primeiras derrotas para o EXP Nona Gaprindashvili e o EXP Promesas, a cuarta do EXP Chess Cares.

No equipo feminino, María Alonso obtivo a súa terceira vitoria consecutiva. Non puideron sumar, Alba Perea, Alicia Castillo e Sara Ortega. O Nona Gaprindashvili cae ao quinto chanzo da xeral,

Quedan con 9 puntos, a 3 do líder e a tan só 3 roldas para o peche do grupo.

O Promesas é sexto tralo 0 a 4 encaixado fronte ao Cum Laude, e o Chess Cares sétimo tras sumar un único empate, o de Alejandro Méndez, no encontro do sábado.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 5.5 – 0.5 ClubEXA A

Superioridade local reflectida claramente no marcador final. O ClubEXA é un dos equipos que, de cando en cando, fan un bo ano e chegan a máxima categoría, pero sen forza suficiente para manterse. Os coruñeses chegaron a Pontevedra con dúas baixas no sexteto titular, con incorporacións dos seus filiais, xogadores, a prior, con menos experiencia.

Comezaba o encontro cos locais tomando a dianteira, con boa vantaxe dos xogadores que levaban brancas, Portela, Rivera e García Sobrino, e cos de negras, Rúbén, Víctor e o capitán, coa iniciativa dos contrarios xa neutralizada. Tralas primeiras dúas horas xa se intuía a contundencia da vitoria.

Curiosamente o primeiro resultado en subir ao electrónico foi o empate de Rubén Fernández con Alfredo de la Fuente. Rúbén, co seu exceso de velocidade característico, pasouse de freada e cometeu un erro que o deixou sen Dama, en posición perdida. Os poucos segundos que lle quedaban a Alfredo no reloxo, e a presión de Rubén, propiciaron un empate case milagroso para os locais.

Superado o susto inicial foron chegando os puntos. Primeiro o capitán, despois Alberto e David, e xa o 3.5 a 0.5 provisional. Con todo, non é doado pechar as partidas, e menos cando o tempo se reduce. Daniel, se cadra aínda co peso da partida anterior ás costas, deixou ó rival darlle a volta ó xogo. Por sorte o coruñés non afinou ben e caeu nun final que Rivera xa non ía deixar escapar.

Pechaba o encontro Víctor Miguel, nesas partidas non aptas para xente con doenzas de corazón, cos dous contendentes sen tempo no reloxo, e cunha posición aberta na que é imposible controlar todo o que acontece. Víctor atizou con máis garra e foi quen de levar o punto enteiro.

Trala cuarta rolda lideran Xadrez Ourense e Xadrez: Estratexia pola Paz con 16 puntos, polos 15,5 do terceiro, o Círculo Ferrolán. Postos de descenso directo para USC, ClubEXA A, Xadrez Bueu e Padrón-EXC.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 16 de marzo. Os de Pablo García xogarán en Ferrol contra o Círculo Ferrolán de Xadrez, terceiro da xeral.

AVISO DA ENTIDADE:

Na presente tempada, os encontros dos equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo xa non se disputarán na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus Pontevedra.
Os encontros locais seguirán abertos e de balde para o público, pero respectando as limitacións de aforo dos novos espazos (A sede da Escola Xadrez Pontevedra na Praza Fermín Bouza Brei, e o local social da Asociación de veciños San Raque Pontevedra).
Recomendamos aos interesados no seguimento dos encontros, visualizar na nosa páxina web, ou nas nosas Redes Sociais, a distribución de espazos de cada unha das xornadas.
Rogamos desculpen as molestias ocasionadas e pronto poidamos seguir gozando do noso deporte con normalidade.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org