O Xadrez: Estratexia pola Paz é segundo a unha soa rolda do final.

IMG_9272

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

O Xadrez: Estratexia pola Paz é segundo a unha soa rolda do final.

As promesas da Escola Xadrez Pontevedra triunfan na Cuarta División.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

O primeiro equipo de xadrez da Escola Xadrez PontevedraUniversidade de Vigo derrotou 4.5 a 1.5 ao Xadrez Padrón A. Os de Pablo García chegan á última rolda cunha desvantaxe clara fronte ao líder, se ben, aínda con opcións matemáticas de acadar o primeiro posto,

O 1 de maio tivo lugar a Cuarta División Galega. Unha categoría para as promesas máis noviñas do xadrez. Para moitas e moitos deles, a súa primeira experiencia en competición oficial.

Os equipos da EXP-UVigo foron protagonistas en número, oito equipos e case medio cento de deportistas, e tamén en resultados, copando os primeiros postos da clasificación final.

Cada un dos equipos levaba o nome dun Campión ou Campioa Mundial, grandes referentes clásicos que están a coñecer no seu proceso formativo. Primeiro posto para o EXP-Lasker e segundo para o EXP-Steinitz, Destacada actuación do equipo feminino, o EXP-Nona Gaprindashvili, sextas a tan só 3 puntos do equipo campión.

Na máxima categoría do xadrez galego, e trala décima rolda, o Xadrez Ourense é líder con 44,5 puntos, seguido polo Xadrez: Estratexia pola Paz, segundo con 39,5, e o Xadrez Fontecarmoa, terceiro con 38.

Postos de descenso directo para Xadrez Bueu A con 12 puntos, CLUBEXA A con 16,5, USC con 18,5 e Xadrez Mos A con 23,5.

A última rolda da Liga Galega, terá lugar o sábado 11 de maio. Na División de Honra o equipo universitario defenderá en Vilagarcía o segundo posto da xeral. O choque co Fontecarmoa A é
un dos clásicos de maior nivel do xadrez galego. Os de Pontevedra chegan 1.5 puntos por diante dos vilagarciáns, e 3,5 dos ferroláns, cuartos da táboa.

BALANCE DA XORNADA
3 vitorias e 1 derrota para os equipos universitarios na décima rolda da Liga Galega 2024.
Novo ascenso confirmado para os filiais universitarios. Un dos 2 equipos da Segunda División xogará a vindeira tempada na Primeira División.

PRIMEIRA DIVISIÓN
Rolda 10 de 11.

Nova vitoria do Ramón Escudeiro Tilve, terceira consecutiva, e oitava da tempada. O 3 a 1 fronte ao Karpov A pontevedrés, deixa aos universitarios a tiro de loitar polo título da categoría. Empates de Miguel palacios e Bernardo Rebollo nos dous primeiros taboleiros, vitorias no terceiro e cuarto para Rodrigo González e David Fernández.

Tras dez roldas, o EXP-Ramón Escudeiro Tilve ocupa o terceiro chanzo da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 29 puntos, polos 30 do Xadrez Algalia, segundo, e os 31 do Liceo Marquiño, primeiro.

Na última xornada o líder xogará co quinto clasificado, e o Algalia, segundo, co Ramón Escudeiro Tilve, terceiro.

 

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D
Rolda 10 de 11

Cara e cruz na Segunda División. 4 a 0 do EXP Concello de Pontevedra fronte ao Liceo Pueblense, e derrota pola mínima do EXP NON á violencia de xénero, na casa do Fontecarmoa. Os resultados da xornada confirman matematicamente o ascenso dun dos dous equipos da Escola Xadrez Pontevedra. A opción dun segundo ascenso queda practicamente reducida a unha opción matemática, pois pasa por unha vitoria por 4 a 0 na última, xunto coa derrota 0 a 4 do segundo ou do terceiro da xeral.

Tras 10 xornadas, o EXP Concello de Pontevedra empata a 26,5 puntos co segundo e terceiro clasificado. O EXP NON á violencia de Xénero é quinto con 23.

TERCEIRA DIVISIÓN.
Finalizada.

CUARTA DIVISIÓN
Finalizada.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 4.5 – 1.5 Xadrez Padrón A

Dominio local nun choque con dúas lecturas. Positiva para os pementeiros, que co punto e medio colleitado eluden o descenso. Insuficiente para os universitarios, que precisaban dunha maior bagaxe de puntos para achegarse ao líder.

Por taboleiros, vitorias dos Mestres Internacionais Daniel Rivera e Pablo García. A sétima de Víctor Miguel, mellor xogador da liga cunha porcentaxe do 100%. E a de Juan Manuel Martínez, no seu debut tras desprazarse ata Romanía para cursar os estudos universitarios.

Empate de Alberto Portela co Mestre Diego Espiñeira e derrota, a cuarta consecutiva, de Rubén Fernández. Rubén está a pasar por unha mala etapa, na que non atopa a fluidez de xogo que o levou a ser a primeira e única medalla dun xogador galego nun Campionato do Mundo.

O 4.5 a 1.5 deixa ao Xadrez: Estratexia pola Paz como único equipo con opcións matemáticas de arrebatarlle o título ao Xadrez Ourense. Os ourensáns precisan sumar un só punto para garantir o seu terceiro título autonómico, e consolidarse así como o terceiro equipo con máis títulos, por detrás da Escola Xadrez Pontevedra-UVigo, e da EI Kasparov-Marcote.

Lidera o Xadrez Ourense con 44,5 puntos, 5 máis ca o Xadrez: Estratexia pola Paz, segundo, e 6,5 ca o Xadrez Fontecarmoa A, terceiro. Postos de descenso directo para USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Xadrez Mos A.

A última xornada terá lugar o sábado 11 de maio. Os de Pablo García defenderán o segundo posto da xeral en Vilagarcía, na casa do Xadrez Fontecarmoa A.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org