COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ
O Xadrez: Estratexia pola Paz cae pola mínima fronte ao líder.
Final da Terceira División. Ascenso para o EXP-UVigo.
LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.
O Xadrez: Estratexia pola Paz caeu na casa do líder, o Xadrez Ourense. Un axustado 3.5 a 2.5 deixa aos ourensáns, a tan só 4 roldas para o final da liga, con 2 puntos de vantaxe sobre os universitarios.
Para o que se presentaba coma unha final anticipada, os ourensáns tiraron de 6 xogadores con titulación internacional. Tres deles, representantes olímpicos cos seus países en numerosas ocasións. O Gran Mestre Zenón Franco co Paraguai, o Mestre André Sousa con Portugal, e a Mestra Yudania Hernández, con España. Os universitarios xogaron coa súa receita habitual, os Mestres, Daniel Rivera e Pablo García, xunto a rapazada formada na casa.
Trala sétima rolda, é líder o Xadrez Ourense con 30 puntos, seguido polo Círculo Ferrolán e o Xadrez: Estratexia pola Paz, ambos con 28. Ourensáns e ferroláns, terán que enfrontarse na novena rolda.
O Capitán: “O calendario é “a priori” un pouco máis favorable para nós, e tamén para os ferroláns, se ben, os equipos da parte media-baixa, serán moi perigosos de achegarse en exceso aos postos de descenso directo”.
A oitava rolda da Liga Galega será o sábado 20 de abril. Na División de Honra, os de Pablo García recibirán ao Xadrez Rianxo, sétimo clasificado con 23 puntos. Os rianxeiros levan xa varias tempadas na máxima categoría e veñen de reforzar o equipo coa incorporación do Gran Mestre David Lariño.
BALANCE DA XORNADA
3 vitorias, 1 empate e 5 derrotas, para os equipos universitarios na sétima rolda da Liga Galega 2024. Finalmente, serán 8 os equipos que disputarán a Cuarta División o vindeiro 1 de maio.
PRIMEIRA DIVISIÓN
Rolda 7 de 11.
Primeira derrota da tempada para o Ramón Escudeiro Tilve. Marcador final de 2,5 a 1,5 na casa do Xadrez Fontecarmoa, Derrotas de Miguel Palacios e Rodrigo González nos dous primeiros taboleiros. Empate para Álvaro Maquieira no terceiro, e vitoria de David Fernández no cuarto.
Trala sétima rolda, o primeiro filial universitario ocupa o terceiro posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 20 puntos, os mesmos ca o Xadrez Algalia, segundo, e a 2,5 do Liceo Marquiño, primeiro.
SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D
Rolda 7 de 11
Os filiais universitarios da Segunda, pisan o acelerador. Só os catro primeiros do grupo acadaran o ascenso á Primeira División. Tras un comezo un tanto dubitativo, rapazada e veteranos están xa a desenvolver o seu mellor xogo.
Terceira vitoria consecutiva para o EXP NON á violencia de xénero. 1 a 3 na casa do, tamén equipo pontevedrés, Academia Enot. O EXP Concello de Pontevedra derrotou 0 a 4 ao Dorna B da Illa de Arousa.
Disputadas 7 quendas, o EXP NON á violencia de Xénero é cuarto con 15 puntos. Os mesmos ca o EXP Concello de Pontevedra, quinto. Lidera o Padrón B con 21.
TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.
Rolda 7 de 7. Final.
Ascenso á Segunda División para o EXP-UVigo. A súa vitoria, 1 a 3 fronte ao EXC Adultos de Compostela, confirmaba o primeiro ascenso universitario da tempada. Os compañeiros do EXP Zona Informática tiñan que derrotar por 3 a 1 ao Liceo de Noia para obter o segundo dos ascensos en xogo. O 2 a 2 final non foi suficiente, serán os de Noia os que suban de categoría.
Rematou a competición co Liceo Noia na primeira praza cun total de 18 puntos, o UVigo segundo con 17,5, e completando o podio, o Zona Informática con 16,5. Os dous equipos da Escola Xadrez Pontevedra-UVigo remataron invictos a liga, pero non foi suficiente para acadar os dous ascensos. Os de Noia empataron co Zona Informática e caeron co UVigo, pero a clasificación sae do total de puntos individuais sumado, e non da vitoria, empate ou derrota do equipo.
No Grupo G unha nova tripla derrota despide a tempada dos filiais da Escola Xadrez Pontevedra. O EXP Nona Gaprindashvili caeu en Cambados fronte ao Albariño B, o EXP Promesas, na casa do líder, o Xadrez Portas B, e o EXP Chess Cares, en Vilagarcía. fronte a un dos filiais do Fontecarmoa.
O Nona Gaprindashvili remata quinto con 11 puntos, o Promesas sexto con 10,,5, e o Chess Cares oitavo con 6,5. O campión de grupo foi o Xadrez Portas B, acadando tamén o ascenso á Segunda División.
CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Ourense 3.5 – 2.5 Xadrez: Estratexia pola Paz
Vitoria importante, pero non definitiva, para o Xadrez Ourense.
Comezaba o encontro cun temperá empate entre o portugués Sousa e Alberto Portela, no primeiro taboleiro. A explicación estivo na excelente preparación de Alberto. O seu traballo previo permitiulle xogar unha variante na que secou con precisión a iniciativa branca, forzando un final completamente igualado.
Xa entrada a terceira hora, chegaron as derrotas de Rubén Fernández e Daniel Rivera. Ambos foron claramente superados polos seus rivais. Ruben polo Gran Mestre, Zenón Franco, e Daniel polo Mestre FIDE, Xullo do Prado.
O capitán, Pablo García, obtivo unha lixeirísima vantaxe na apertura, que non foi suficiente, pese a que o tentou ata o final, para pasar do empate fronte ao Mestre FIDE, David Gómez.
David García acadaba “in extremis”, a única vitoria visitante. O Mestre FIDE, Rey Malde, puido asestar o golpe definitivo, pero non estivo acertado na táctica. David agardou pola súa oportunidade, e cando esta se presentou, non a deixou escapar. Unha vitoria que permiter aos universitarios manter certas opcións reais de loitar polo título.
Pechábase o encontro co traballado empate de Bernardo Rebollo fronte a varias veces Campioa de España Absoluta, a hispano-cubana Yudania Hernández. Bernardo sobe por segunda vez do filial universitario, no que xa o viña facendo moi ben, co 100% dos puntos gañados.
Lidera o Xadrez Ourense con 30 puntos, 2 máis ca Circulo Ferrolán de Xadrez, segundo, e Xadrez: Estratexia pola Paz, terceiro. Posto de descenso directo para a USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Padrón-EXC.
A vindeira xornada terá lugar o sábado 20 de abril. Os de Pablo García recibirán ao Xadrez Rianxo, sétimo clasificado, con 23 puntos.
Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org