O Xadrez: Estratexia pola Paz acada unha importante vitoria en Ferrol, pero perde o liderado.

R4. Local social da AAVV San Roque Pontevedra

Comparte esta entrada

 

     

O Xadrez: Estratexia pola Paz acada unha importante vitoria en Ferrol, pero perde o liderado.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

O Xadrez: Estratexia pola Paz foi quen de derrotar a domicilio ao Círculo Ferrolán. Unha vitoria pola mínima, 2.5 a 3.5 que deixa aos universitarios segundos, a 2,5 puntos do novo líder en solitario, o Xadrez Ourense.

O debut de Miguel Palacios co primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra foi decisivo no resultado final do equipo. Palacios é un dos deportistas formados nos equipos de base universitarios, e agora membro do corpo técnico da entidade.

A seguinte rolda da Liga Galega terá que agardar ata o día 6 de abril. Durante o parón da Semana Santa terán lugar os Campionatos Galegos individuais das categorías Sub 10, Sub 12, Sub 16, Absoluta, Feminina e Veterano.

BALANCE DA XORNADA

5 vitorias e 4 derrotas, para os equipos universitarios na cuarta rolda da Liga Galega 2024. Os 6 equipos da Cuarta División agardan ao mes de abril pola programación do seu calendario.

PRIMEIRA DIVISIÓN

Vitoria e liderado para o Ramón Escudeiro Tilve. O 3 a 1 acadado fronte ao Breogan, deixa aos pontevedreses no primeiro posto da xeral, cunha bagaxe de 4 vitorias máis 1 empate,
Empate de Rodrigo González no primeiro taboleiro, e de Luís Alonso no cuarto. Vitorias para Álvaro Maquieira no segundo, e David Fernández no terceiro.
Trala quinta rolda, o primeiro filial universitario mantense no primeiro posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 16 puntos, polos 15 do Xadrez Algalia, segundo e do Liceo Marquiño, terceiro.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D

Primeira vitoria do EXP Non á violencia de xénero, e de que xeito, 0 a 4 na casa do Dorna B da Illa de Arousa. O EXP Concello de Pontevedra caeu 3 a 1 na casa do líder, o Padrón B.

Disputadas 5 quendas, o EXP Non á violencia de Xénero marcha na novena posición con 9 puntos, e o EXP Concello de Pontevedra na décima con 8. Lidera o Padrón B con 16,5.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.

Dúas vitorias a domicilio no Grupo E. A do EXP-UVigo EXP, 0 a 4 en Compostela, na casa do Nemenziño. E a do líder, o EXP Zona Informática tamén en Santiago, 1 a 3 fronte ao EXC Adultos.

Lidera a clasificación o Zona Informática con 14,5 puntos, pero cun encontro máis ca os seus perseguidores. Liceo Noia é segundo con 13, o EXC Adultos ocupa a terceira praza con 11, e o UVigo a cuarta con 10,5.

No Grupo G caeron os tres representantes universitarios. O EXP Nona Gaprindashvili e o EXP Promesas, en Vilagarcía na casa do Fontecarmoa, e o EXP Chess Cares no Grove fronte ao Cum Laude.

O Nona Gaprindashvili vai quinto con 10 puntos, o Promesas sexto con 8.5, e o Chess Cares sétimo con 3,5.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA

Círculo Ferrolán de Xadrez 2.5 – 3.5 Xadrez: Estratexia pola Paz

Vitoria importante dos universitarios no Ferrol. O Círculo Ferrolán de Xadrez e un dos equipos fortes da Liga Galega, reforzado ademais, nesta tempada, co xogador cubano, Marco Antonio Morales.

Nun disputadísimo encontro, comezaron golpeando os xogadores do equipo local. O Mestre Internacional, Diego Guerra, sumou o primeiro punto fronte a Rubén Fernández. Rubén encaixa a súa segunda derrota, nun inicio de tempada na que non remata de desenvolver o seu mellor xogo. E tamén segundo tropezo de David García, superado polo ferrolán Jorge Mejuto.

Co 2 a 0 poderían saltar as alarmas, pero a igualdade na de Rivera, xunto á vantaxe nas do capitán, Portela e o debutante Palacios, apuntaban xa a unha vitoria visitante.

Chegaban o empate de Rivera e a vitoria dun moi motivado Miguel Palacios, na partida da xornada. Miguel fixo alarde dun refinado estilo táctico e unha excelente concepción do dinamismo no xadrez. Tras sacrificar varias pezas, puido rematar cun mate directo, oculto e arriscado, que non foi quen de albiscar, pero o fixo nun final con vantaxe material suficiente.

O Mestre Internacional, Pablo García, empataba o encontro na partida estratéxica do día. O capitán do equipo forzou dúas debilidades na estrutura de peóns do rival, suficientes para acadar a súa cuarta vitoria do ano.

Pechábase o encontro coa traballada vitoria de Alberto Portela no primeiro taboleiro. Alberto superou nun final de torres e peóns ao xogador cubano, Marco Antonio Morales.

Trala quinta rolda, lidera o Xadrez Ourense con 22 puntos, 2,5 máis ca o Xadrez: Estratexia pola Paz, segundo, e 3 máis ca o Benchoshei, terceiro. Os postos de descenso directo seguen ocupados polo USC, o ClubEXA A, Xadrez Bueu e Padrón-EXC.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 6 de abril. Os de Pablo García recibirán ao Xadrez Mos, debutante na máxima categoría.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org