Novo empate do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

(R4) EXP-Concello Pontevedra 2

Comparte esta entrada

Novo empate do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

LIGA GALEGA DE XADREZ

2 de febreiro a 9 de abril. Ámbito autonómico.


Nova xornada de xadrez do máis alto nivel no Green Campus de Pontevedra. O Círculo Chantadino, con dous Grandes Mestres como primeiras espadas, o serbio Strikovic e o búlgaro Petkov, non puido pasar do empate na Boa Vila do Lérez.

O empate deixa ao Xadrez: Estratexia pola Paz compartindo o terceiro posto da xeral co Xadrez Verín, a 0,5 puntos do Círculo Chantadino, segundo, e a 6 do líder, o Xadrez Ourense.

Unha das novas máis positivas da xornada, e mostra das sinerxías da relación da Universidade de Vigo coa Escola Xadrez Pontevedra, foi a participación voluntaria dos deportistas convocados, no estudo “Nivel de actividade física e perfil condicional de xogadores federados de xadrez”, e TFD dun dos alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Na cuarta xornada, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 5 vitorias, 1 empate e 1 derrota:

Na Primeira División, o Ramón Escudeiro Tilve conta os seus encontros por vitorias. Desta vez, 0.5 a 3.5 na súa visita ao Xadrez Bueu A. Juan Manuel Martínez regresaba ao filial para derrotar ao experimentado xogador local, Luís Costado. Punto completo para Miguel Palacios e Luís Alonso, empate para Rodrigo González. O equipo marcha segundo, a 0,5 puntos do Xadrez Mos A, ao que non se enfrontará ata a derradeira xornada.

Na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero sofre a segunda derrota da tempada, 0,5 a 3,5 fronte ao Xadrez Fontecarmoa.

E na terceira categoría, o EXP-Universidade de Vigo derrotou 2.5 a 1.5 ao Liceo Pueblense de Pobra do Caramiñal; o EXP-Chess Cares 3,5 a 0.5 fronte ao Liceo de Noia; o EXP-Concello de Pontevedra 4 a 0 ao Albariño A de Cambados; e o EXP-Zona Informática 3-1 ao Dorna A da Illa de Arousa.

O EXP-Chess Cares é líder do grupo H con 13 puntos, 3,5 mái que o EXP-UVigo que é terceiro. O EXP-Concello de Pontevedra marcha na segunda posición do grupo I, e o EXP-Zona Informática na cuarta.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 3 – 3 Círculo Chantadino


3 a 3 nun marcador final que non deixa ver a tremenda loita vivida en cada un dos taboleiros. Caeron Alberto Portela, Rubén Fernández e Daniel Rivera nos 3 primeiros. Se ben non foi a mellor tarde de Alberto fronte ao serbio Strikovic, ben puido Rubén rascar parte do punto na súa partida ante o búlgaro Petkov, ou Rivera sumar a vitoria nun xogo no que dominou claramente ao portugués Paulo Pinho, pero non soubo rematar. Pola parte contraria, caeron os visitantes ante Pablo García, David García e Víctor Miguel, pese a dispor de dúas boas oportunidades. A primeira nunha pasada de freada do capitán na busca do triunfo, e a segunda nun apuro brutal de tempo de Víctor. Empate polo tanto, e como ben sendo habitual nestes casos, non deixa satisfeita a ningunha das partes, pero si a uns afeccionados que puideron gozar dun auténtico espectáculo, vibrante ata o último segundo.

Trala cuarta rolda, Xadrez Ourense segue intratable á fronte da táboa clasificatoria, con 22.5 puntos. Círculo Chantadino é segundo con 17, e o Xadrez Estratexia pola Paz comparte o terceiro co Xadrez Verín, ambos con 16.5. Nos postos de descenso directo continúan Laroca-Nigrán e Algalia. O USC abandona provisionalmente o descenso, en detrimento do Liceo Ourense.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 19 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz rematará a súa particular serie de 3 encontros decisivos fronte ao líder, o Xadrez Ourense. Un equipo cuxo orzamento e moi superior á suma do de todos os demais equipos da categoría xuntos. Aos seus 5 Grandes Mestres, 3 Mestres Internacionais e 3 Mestres FIDE, hai que sumar a fichase sorpresa da semana pasada do Gran Mestre indio, Praggnanandhaa Ramesh máis a do seu irmán, Vaishali, Mestre Internacional.

Pablo García: “Para nos é unha ledicia poder enfrontarnos a equipos de tal magnitude, aínda que sospeitamos que non tiraran dos titulares ata o nacional. Fainos lembrar á época dourada do Marcote, na que sempre nos plantaban na final a seis figuras internacionais. Sen dúbida foi algo que nos fixo crecer, e moito, como xogadores. É unha oportunidade única para a nosa base.” 

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez