Nova vitoria na elite do xadrez galego.

IMG_5056

Comparte esta entrada

   

LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

Tralo descanso da Semana Santa, unha nova xornada de Liga encheu de taboleiros de xadrez o Campus Universitario de Pontevedra. Os universitarios, líderes grazas ao histórico 0 a 6 da última rolda, sumaron unha nova vitoria, 3.5 a 2.5, fronte á Escola Luguesa de Xadrez.

Pese ao resultado, o Xadrez: Estratexia pola Paz baixa ao segundo chanzo da xeral. O Xadrez Benchoshey colócase líder con 24 puntos, 0,5 máis ca os de Pablo García. Na terceira praza, con 22.5, aparece o Xadrez Fontecarmoa. Os tres, son os únicos invictos e con idéntica bagaxe, 4 vitorias e 2 empates.

Balance de 3 vitorias, 2 empates e 2 derrotas, para os equipos da Escola Xadrez PontevedraUniversidade de Vigo na sexta xornada . Os tres equipos da cuarta categoría debutarán o 29 de abril:
Empate do Ramón Escudeiro Tilve fronte ao Dorna Vengarco da Illa de Arousa na Primeira División. A lixeira vantaxe de iniciar o xogo coas pezas brancas foi suficiente para definir o resultado final do encontro. Ningún dos xogadores de negras, nin local nin visitante, puido puntuar. Punto para Juan Manuel Martínez e Álvaro Maquieira. Caeron Luís Alonso Pacheco e José Luís García Bugallo. Trala sexta rolda, o primeiro filial universitario faise co cuarto chanzo da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 13,5 puntos froito de 2 vitorias, 3 empates e 1 derrota.

Na Segunda División, o EXP Non á violencia de xénero empatou na casa fronte CXF Baños Print. Derrotas de Miguel Alonso e André Herrera. Vitorias para Daniel Giráldez e Xabier Borrajo.
O equipo ascende ao sétimo posto da xeral. Cun balance de 2 vitorias, 1 empate e 3 derrotas, suman 11 puntos, 2.5 por diante do primeiro posto de descenso directo.

E xa na Terceira categoría o EXP-Concello de Pontevedra venceu aos compañeiros do EXP-Universidade de Vigo por un marcador de 3 a 1. O EXP-Zona Informática derrotou 0 a 4 ao filial do Xadrez Marín. O EXP-Chess Cares caeu 0 a 4 fronte ao Xadrez Portas B.

A Terceira División remata a vindeira xornada. A loita polas dúas prazas que dan dereito ao ascenso promete unha última rolda apaixonante. Polo momento o Academia Enot é líder con 21 puntos, 2 máis ca Portas B e EXP-Concello Pontevedra, e con 4 de vantaxe sobre o EXP-Zona Informática. O líder, Academia Enot, xogará co EXP-Concello de Pontevedra e o Portas B co EXP-Zona Informática.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 3.5 – 2.5 Escola Luguesa de Xadrez

O encontro máis traballado da tempada. O parón da Semana Santa, dous sábados sen xogar, fai que este sexa o enfrontamento no que os equipos teñen máis tempo para preparar as partidas. Unha lixeira vantaxe para os de Lugo, pola opción que tiñan de incorporar as súas fichases estranxeiras, variando así a orde dos seus taboleiros e “sorprendendo” aos universitarios.

Chegaron os lucenses cun equipo que nunca presentaran, co holandés Siem Van Dael á cabeza, o descanso dun fixo coma Casares, ou o debut do mozo Adán no sexto taboleiro. Un factor sorpresa que o capitán quixo neutralizar pola vía rápida. A súa vitoria con pezas negras abría un marcador ao que se ía sumar de inmediato o segundo punto, chegado das mans de Daniel Rivera.

A presión do reloxo ía torcer o encontro xusto nos taboleiros nos que os locais contaban cunha maior vantaxe, o quinto e sexto. Chegaba a primeira derrota de David Sobrino na liga, e un novo tropezo dun Víctor Miguel ao que lle está a fallar a definición das vantaxes.

O empate de Rubén subía o 2,5 a 2.5 ao electrónico, cun maxistral Alberto Portela en xogo, ao que so lle restaba a parte técnica para rematar coa resistencia do Mestre holandés, Van Dael. Non errou Alberto, e chegou a cuarta vitoria da tempada, 3,5 a 2.5 fronte a Escola Luguesa de Xadrez.

Trala sexta rolda, o equipo revelación da tempada, o Benchoshey Pereiró de Aguiar recupera a primeira posición. Os ourensás suman 24 puntos, por 23,5 dos de Pontevedra e 22,5 do
Fontecarmoa. Nos postos de descenso directo atopamos ao Círculo Ferrolán con 16,5 puntos, Liceo Ourense con 13,5, Liceo Marquiño con 11.5, e ao Alexandre Bóveda de pechacancelas con 10.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 22 de abril. Os de Pablo García recibirán ao Alexandre Bóveda, último clasificado da categoría. Nun principio, unha moi boa oportunidade de recuperar o mando da clasificación xeral.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org