LIGA GALEGA DE XADREZ
Máis de 200 deportistas nos 20 equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo para a Liga Galega de Xadrez 2025.
O “Xadrez: Estratexia pola Paz” arranca cunha vitoria na máxima categoría da Liga Galega.
LIGA GALEGA DE XADREZ
1 de febreiro a 3 de maio. Ámbito autonómico.
O sábado 01 de febreiro tivo lugar a primeira rolda da Liga Galega de Xadrez. Un total de 20 equipos, e 208 deportistas, defenderán esta tempada as cores do Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo. 1 equipo na División de Honra, 1 en Preferente, 1 en Primeira, 3 en Segunda, 6 en Terceira, e 8 na Cuarta División.
A Liga Galega 2025 regresa ao Campus Universitario de Pontevedra con máis forza ca nunca. Vinte equipos con deportistas de idades comprendidas entre os 6 e os 74 anos. Un equipo feminino que duplica o seu número de integrantes. Representación en tódalas categorías do xadrez galego. Veteranos, afeccionados e tamén unha das mellores canteiras galegas, e do noso país veciño
O pulo do Vicerreitorado de Pontevedra permitiu a volta das competicións de xadrez ao campus pontevedrés. A facultade de Ciencias da Comunicación acollerá as 11 xornadas da Liga Galega de Xadrez. As actividades deportivas tiveron o seu inicio coa organización do Torneo Internacional Campus Universitario de Pontevedra, disputado no pavillón universitario o pasado día 4 de xaneiro, e terán o seu colofón no verán, coa disputa do XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, unha das dezasete mellores probas organizadas en España.
Xa en competición, na máxima categoría do xadrez galego, a División de Honra, Xadrez Ourense, vixente campión, e Círculo Chantadino, parten, un ano máis, como favoritos na loita polo título. Ambos presentan as aliñacións con maior número de Grandes Mestres. O Circulo Ferrolán podería entrar neste selecto grupo, xa que, tirando da chequeira, sobe a súa aposta pola liga. Coa incorporación do mestre caboverdiano, Mariano Ortega, máis a do cubano Marco Antonio Morales, presenta un sexteto con 5 titulados internacionais. O equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, buscará o seu sexto título autonómico. A novidade máis destacada entre os de Pablo García, foi a incorporación de tres irmáns portugueses, os Martins dos Santos Ribeiro. Un deles, Gustavo, defenderá o primeiro taboleiro do equipo.
Rolda 1. Balance de 5 vitorias, 3 empates e 4 derrotas. Os 8 equipos da cuarta categoría non comezaran a súa andaina ata o mes de abril ou a primeira quincena de maio.
Na rolda inaugural, o primeiro equipo, o Xadrez: Estratexia pola Paz, derrotou por 4 a 2 ao Xadrez Padron-EXCompostela.
O Ramón Escudeiro Tilve debutou con derrota na nova Preferente. O Mos A impúxose por un claro 6 a 0 ao primeiro filial pontevedrés.
Na Primeira División, o EXP-Concello de Pontevedra debutou cun empate, 2 a 2, na casa do Xadrez Rianxo B.
Dos 3 equipos da Segunda División, dous participan no Grupo E, o NON á violencia de xénero e o Zona Informática. Na primeira rolda o cruce entre eles saldouse cunha vitoria por 4 a 0 para os primeiros. O terceiro equipo, o EXP-UVigo, derrotou no Grove ao Xadrez Cum Laude. Marcador final de 1 a 3, coas vitorias de Miguel Casado e Martín Moreira, máis os empates de Javier Lema e Mateo Alonso.
Comeza a Terceira División cos 6 equipos de Pontevedra no Grupo G. O regulamento forza o cruce directo dos equipos dun mesmo club nas primeiras roldas, polo que o EXP-Peóns do Lérez empatou co EXP-Fai a túa mellor xogada, o EXP-Chess Cares derrotou por 4 a 0 aos máis noviños do EXP-Promesas, e as rapazas do EXP- Nona Gaprinddashvili gañaron 3 a 1 aos compañeiros do EXP-Pontevedra en xaque.
Os 8 equipos da Cuarta División terán que agardar ao mes de abril pola programación do seu calendario.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 4 – 2 Xadrez Padrón-E.X. Compostela
3 vitorias, 2 empates e 1 derrota conformaron o 4 a 2 do marcador final.
Rubén Fernández foi, coma xa é habitual, o máis veloz do equipo. A súa vitoria fronte a Breixo Longueira, abriu o marcador do encontro.
O Mestre FIDE, Alberto Portela e o Mestre Internacional, Daniel Rivera, asinaron as mellores partidas do día. Alberto cun xogo moi dinámico e precisión total na táctica, e Daniel cunha gran dominio estratéxico. Dúas vitorias que deixaban o encontro practicamente sentenciado.
Peor sorte para dous dos veteranos do equipo, O capitán, Pablo García, cunha elección moi dubidosa na apertura, a piques estivo de caer na lona. Tras case 3 horas aferrándose ao taboleiro acabou por neutralizar a ofensiva rival e sumar un empate. Pola contra, Víctor Miguel Lago viuse superado no medio xogo por Diego López e non foi quen de darlle a volta á posición. Primeira derrota de Víctor e do equipo.
Pecharía o encontro o debut de Gustavo Ribeiro no primeiro taboleiro do equipo. O mozo portugués de 18 anos é unha das máis firmes promesas do país luso. Gustavo tivo unha boa estrea fronte ao Mestre Internacional Diego Espiñeira. Unha partida exixente na que amosou a súa solvencia nas tres fases do xogo, a apertura, o medio xogo e os finais. O empate chegou preto das catro horas de xogo.
Trala primeira rolda, o Xadrez Ourense é líder con 5.5 puntos. Ségueno o Xadrez Estratexia pola Paz, Liceo Marquiño e Círculo Ferrolán, con 4.0.
Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, Xadrez Rianxo e Círculo Chantadino con 2,0 puntos e Alexandre Bóveda con 0,5.
A vindeira xornada terá lugar o sábado 8 de febreiro. O Xadrez Estratexia pola Paz xogará na casa do Liceo Ourense. Os ourensáns, liderados polo Gran Mestre cubano, Arián González, comezaron a súa andaina na liga cun empate fronte ao Benchoshey Pereiro de Aguiar.
Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org