Empate no primeiro exame do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

R2. Primeira División

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS
LIGA GALEGA DE XADREZ

               
Empate no primeiro exame do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

LIGA GALEGA DE XADREZ
17 de febreiro a 11 de maio. Ámbito autonómico.

3 Grandes Mestres, o serbio Strikovic, o romanés Mihail Marin e o búlgaro Petkov, 2 internacionais portugueses máis 1 único xogador da casa, foi o que os universitarios toparon ao chegar a Chantada. Un primeiro exame para o Xadrez: Estratexia pola Paz, do que saen moi reforzados. 3 a 3 no marcador final, con claro dominio para os de Pablo García, que quedaron co mel nos beizos no último intre do encontro.
Tralo empate en Chantada, o Xadrez: Estratexia pola Paz baixa ao segundo chanzo da xeral. O Xadrez Ourense, con 9,5 puntos, é o novo lider. 0,5 máis ca os de Pablo García, segundos, e 1,5 máis ca os do Círculo Ferrolán.

A vindeira semana chega a Pontevedra o equipo revelación da pasada tempada, o Benchoshey Pereiró de Aguiar. Os de Pereiró suman 1 vitoria e 1 derrota no arranque desta liga.
BALANCE de 2 vitorias, 5 empates e 2 derrotas, para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo na segunda xornada. Os 6 equipos da Cuarta División terán que agardar ao mes de abril pola programación do seu calendario.

PRIMEIRA DIVISIÓN

Empate do Ramón Escudeiro no seu debut na casa, fronte ao Rianxo B. Caeu Miguel Palacios no primeiro taboleiro e Álvaro Maquieira no cuarto. Vitoria de Bernardo Rebollo no segundo e de Rodrigo González no terceiro.
Trala segunda rolda, o primeiro filial universitario marcha no terceiro posto da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 6 puntos, a 1 do líder, o Xadrez Algalia de Santiago de Compostela.

SEGUNDA DIVISIÓN. Grupo D

Na Segunda División, derrota na casa do EXP Non á violencia de xénero e vitoria a domicilio do EXP Concello de Pontevedra.
Na casa caeron fronte ao A.C. A Estrada, con derrotas de Venancio González, Rafael Martínez e Mateo Alonso, máis unha vitoria de Carlos Rivera. A vitoria a domicilio ante un dos equipos filiais do Fontecarmoa chegaba coas vitorias de García Bugallo e Camilo Ojea, o empate de Xabier Borrajo e a derrota de Daniel Giráldez.

Disputadas dúas roldas, o EXP Concello de Pontevedra comparte co Academia Enot o segundo chanzo da xeral, ambos con 5.5 puntos e cunha desvantaxe de 1.5 sobre o líder, o Padrón B. O EXP Non á violencia de Xénero e undécimo con 2 puntos.

TERCEIRA DIVISIÓN. Grupos E máis G.

No Grupo E, o EXP-UVigo derrotou a domicilio ao Liceo de Noia, e o EXP Zona Informática empatou co CXFontecarmoa na casa. Lider da categoría é o EXCompostela con 6,5 puntos, segundo o EXP-UVigo con 4,5, e terceiro o EXP Zona Informática con 4.

No Grupo G, o EXP Chess Cares caeu 1 a 3 fronte a un dos filiais do Fontecarmoa. Empate do equipo feminino, o EXP Nona Gaprindashvili, fronte ao EXP Promesas. As rapazas comparten o liderado do grupo con 6 puntos. 2 máis ca o Promesas, quintos e 5 máis co Chess Cares pechacancelas do grupo.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Círculo Chantadino 3 – 3 Xadrez: Estratexia pola Paz

Chantada conta cun dos equipos de xadrez con máis Grandes Mestres nas súas filas. Nos últimos anos dous deles foron os encargados de liderar o seu proxecto na Liga Galega, o serbio Strikovic e o búlgaro Petkov. A novidade deste ano, foi a incorporación do romanés, Mihail Marín. Marín, ademais de estar entre os 100 mellores do mundo no comezo deste século, é unha lenda viva en Romanía é un dos escritores máis valorados na comunidade. Completaron a aliñación os internacionais portugueses Pedro Gil e Simao Pintor, máis o xogador local, Alejando Fernández.

As táboas de Rubén fronte ao romanés Marín, abriron o marcador. Non lle tremeu o pulso a Rubén. Con brancas, con moita seguridade no seu repertorio e no seu xogo, fixo doado o que de
inicio semellaba moi complicado. A experiencia e gran nivel do romanés non foi suficiente para desequilibrar o xogo, empate e primeira sorpresa.

Logo chegarían dous dos infortunios para os visitantes. David García asinaba o empate fronte a Simao Pintor nun xogo que dominou dende o inicio, pero no que non atopou remate. Alberto Portela loitaba con afouteza á fronte do exercito negro, pero quedaba sen premio. O serbio non perdoou o único erro de Alberto no final da partida.

Co 2 a 1 para os locais, chegou a quenda dos veteranos, primeiro cunha moi boa vitoria do capitán fronte ao Mestre FIDE portugués, Pedro Gil. E a continuación, Víctor Miguel que lle daba a volta ao marcador, 2 a 3, derrotando ao xogador local, Alejandro Fernández.

Quedaba a batalla entre Daniel Rivera e o búlgaro Petkov. A última oportunidade de derrotar aos chantadinos parecía estar moi preto, pois Rivera acariñaba o empate, pero as premas do reloxo remataron por anular a súa defensa. Daniel perdeu ao chegar o marcador do seu reloxo a 0 segundos, se ben, Petkov xa encamiñara o final.

Un empate que de entrada é un moi bo resultado para os universitarios, aínda que con certo sabor agridoce pola ocasión estragada.

Trala segunda rolda, o Xadrez Ourense é líder con 9,5, polos 9 dos universitarios e os 8 do Círculo Ferrolán,

A vindeira xornada terá lugar o sábado 2 de marzo. Os de Pablo García recibirán ao Benchoshey Pereiró de Aguiar, sextos, a 2,5 puntos.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org