Empate do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

DSC_0225

Comparte esta entrada

     

Empate do Xadrez: Estratexia pola Paz na División de Honra.

LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

 

Nova xornada de xadrez no Green Campus de Pontevedra. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e xa un punto de referencia do xadrez da provincia. O Torneo Internacional de xaneiro, a Liga Galega, as materias do alumnado de maiores, TFM, investigacións e outras actividades, consolidan a presenza do xadrez.

Debut na casa para un primeiro equipo que non puido pasar do empate. 3 a 3 fronte ao recentemente ascendido, Benchoshey de Pereiró de Aguiar. Os veteranos do equipo están a ter un frouxo comezo de liga que fai saltar as primeiras alarmas.

O empate deixa ao Xadrez: Estratexia pola Paz no quinto posto da xeral con 6,5 puntos, dous menos ca o líder, o Círculo Chantadino, único equipo que puido acadar a vitoria nos dous encontros disputados.

Na cuarta xornada, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 2 vitorias, 1 empate e 4 derrotas. Os tres equipos da cuarta categoría debutarán o 29 de abril:

Caeu o Ramón Escudeiro Tilve no seu debut na casa. 1,5 a 2,5 para o Xadrez Bueu A, un dos favoritos deste grupo C para acadar o ascenso á máxima categoría, a División de Honra. Por taboleiros, perdían Rodrigo Gónzález e David Fernández no primeiro e segundo, empataba Miguel Palacios no terceiro, e sumaba o punto completo, José Luís García no cuarto.

Na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero foi derrotado, 1 a 3, polo Liceo Pueblense.

E na terceira categoría chegaron as vitorias da xornada, o EXP-Concello de Pontevedra sube ao primeiro chanzo tralo seu 0 a 4 na casa do Xarez Albariño, e o EXP-Chess Cares das rapazas, derrotou 2,5 a 1.5 ao Xadrez Marín.
Tamén na terceira, caia o EXP-Universidade de Vigo na casa, 0 a 4 fronte ao Cultural Deportiva Portas; e o EXP-Zona Informática, 3 a 1, na súa visita ao Academia Enot.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 3 – 3 Benchoshey Pereiró de Aguiar

3 a 3 nun encontro que, a priori, debía ser moi favorable para os universitarios. Ben é certo que os ourensáns chegaban a Pontevedra cun extra de motivación pola vitoria acadada na rolda inaugural, o seu debut na categoría.

Un equipo moi noviño que puxo de manifesto as debilidades dos máis veteranos do equipo pontevedrés. Víctor Miguel, Daniel Rivera e Pablo García, xa deran sinais de non andar moi finos a semana pasada, aínda que sumaron unha vitoria e dous empates. E foi desta que se confirmou, tan só Rivera sumaba un empate. O capitán caía estrepitosamente, xogando mal a apertura, mal o medio xogo, e non aproveitando a única ocasión, que así e todo tivo, de loitar polo equilibrio. Víctor Miguel non sacou proveito de xogar coas pezas brancas. Rexeitou a oferta de empate do seu rival cando lle quedaba pouco tempo, e rematou por perder a partida.
Foron os máis novos os que tiraron deste encontro. David García cazou nun tema táctico ao rival, forzando pola vía rápida o seu abandono. Rubén Fernández non deu opción a vixente Campioa Galega, Inés Prado, e Alberto Portela empataba no primeiro taboleiro fronte a Artai Bringas.

Toque de atención para os veteranos. Ben é certo que son os máis novos os que veñen protagonizando os grandes éxitos do equipo, pero sempre contando co apoio e respaldo dos máis experimentados. Ambas pezas deben funcionar correctamente para acadar esa harmonía que levou á entidade a acadar cinco títulos autonómicos.

Trala segunda rolda, Círculo Chantadino mantense á fronte da táboa clasificatoria, con 8,5 puntos, Benchoshey Pereiró de Aguiar é segundo con 7,5 e Xadrez Rianxo terceiro con 7. O Xadrez Estratexia pola Paz comparte o quinto posto co Escola Luguesa máis co Padrón A, todos con 6.5. Nos postos de descenso directo atopamos ao Circulo Ferrolano con 5,5 puntos, o Liceo Ourense con 4.5, Alexandre Bóveda con 3,5 e Liceo Marquiño de pechacancelas con 3.

 

A vindeira xornada terá lugar o sábado 18 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz viaxará a cidade de Ourense para enfrontarse ao vixente Campión Galego, o Xadrez Ourense. Un equipo con 5 Grandes Mestres, 3 Mestres Internacionais e 3 Mestres FIDE. Por desgraza, e segundo apunta o capitán universitario, “é bastante probable que non vexamos a ningún dos Grandes Mestres en toda a competición. A motivación para eles é cero, a Federación Galega non entrega nin un triste diploma ao campión , moito menos praza pagada no Nacional, ou un trofeo. É normal que poucas entidades decidan afrontar o custe destes profesionais nesta competición e os reserven para outras de maior repercusión”.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org