Chega a primeira vitoria na casa.

IMG_5056

Comparte esta entrada

 

Chega a primeira vitoria na casa.

LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

Primeira vitoria no Green Campus de Pontevedra. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte foi testemuña do 4 a 2 acadado polos de Pablo García fronte ao Liceo Ourense. Tralo empate co campión da semana pasada, presentábase unha boa oportunidade para sumar na casa e non perder o tren dos primeiros clasificados. Aínda que pola metade do encontro parecía que os universitarios poderían acadar o quinto punto, os ourensáns aferráronse con forza aos taboleiros e ben puideron levar un botín maior.

O resultado deixa ao Xadrez: Estratexia pola Paz no quinto posto da xeral con 13,5 puntos, É líder o Xadrez Benchoshey con 16, segundoo Xadrez Fontecarmoa con 15,5, e con 14,5 marchan o Círculo Chantadino e o vixente campión, Xadrez Ourense.


Balance de 4 vitorias, 2 empates e 1 derrota, para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo na cuarta xornada . Os tres equipos da cuarta categoría debutarán o 29 de abril:

Excelente a vitoria colleitada polo Ramón Escudeiro Tilve fronte ao Xadrez Pousada de Boiro. 3.5 a 0,5, con vitorias de Juan Manuel Martínez, David Fernández e Miguel Palacios máis o empate de Luís Alonso Pacheco. Trala cuarta rolda, o primeiro filial universitario sobe ao quinto chanzo da clasificación xeral. Os de Pontevedra suman 9,5 puntos froito de 2 vitorias, 1 empate e 1 derrota.


Na Segunda División o EXP Non á violencia de xénero encaixou a terceira derrota da tempada. Caeron pola mínima fronte ao Marín B. Derrotas de André Herrera e Daniel Giráldez, empate de Miguel Alonso, e vitoria de Camilo Ojea Bouzo. O equipo segue a ocupar unha das 3 prazas de descenso directo, cunha desvantaxe de 1 punto sobre o primeiro equipo que neste intre evitaría a perda da categoría, o Marín C.


E na Terceira categoría chegaron as vitorias da máxima puntuación posible, 4 a 0. O EXP-Concello de Pontevedra o acadaba na casa fronte ao Xadrez Marín D, e o EXP-Zona Informática no seu desprazamento á casa do Xarez Albariño.

Empate no enfrontamento directo entre o EXP-Chess Cares e o EXP-Universidade de Vigo. Vitorias de Laura Alonso e Hugo Gutierrez para o ChessCares, e de Jacobo Otero e Miguel Casado para o UVigo.

Trala cuarta xornada, o EXP-Concello de Pontevedra, con 13 puntos, empata co Academia ENOT no primeiro posto do Grupo H.


CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez: Estratexia pola Paz 4 – 2 Liceo Ourense

O Liceo Ourense entrou na máxima categoría no último minuto, trala renuncia do Xadrez Verín. A tardanza da nova non lle permitiu reter a unha das súas principais espadas, o Gran Mestre Aríán González, que xa asinara cun equipo catalán. Queda un cadro que mestura moito deportista veterano, entre eles, o vixente Subcampión de España Veterano, Marcos Lorenzo, o Mestre FIDE, David Baltar ou o varias veces Campión Galego veterano, Joaquín Bello, coa rapazada formada na súa escola.

Non comezou nada ben o encontro para os locais, pois un Rubén Fernández, moi acelerado, cometeu un erro de cálculo nas primeiras xogadas que o condenaba á perda dun cabalo, sen compensación algunha. O veterano + non deixou marchar a oportunidade, anotou o primeiro punto para os visitantes en pouco máis de hora e media.

Pese ao marcador en contra, o encontro pintaba moi ben para os da casa, con boas vantaxes en tódolos taboleiros restantes, algunha delas incluso decisiva. Superada a terceira hora de xogo chegaban as primeiras vitorias locais, a de Rivera, que comeza a coller novamente confianza no seu xogo, máis a dun García Sobrino, máximo anotador da liga, con 4 de 4.


Entrando na cuarta hora, chegaron os problemas, Portela viu como o xogo activo de Baltar neutralizaba a súa vantaxe inicial, e a piques estivo de se converter no segundo punto visitante, pero Alberto acadou forzar o empate. Pablo García non remataba coa resistencia do rival e o debutante Rodrigo González pasaba de ser claro dominador a estar completamente atado.

Foi chegando a quinta, cando o capitán, pese a levar un susto que lle puido custar o empate, transformou en vitoria un final técnico. O rival de Rodrigo caía nunha última e desesperada celada que forzaba a sinatura do empate e o 4 a 2 final.

Trala cuarta rolda, o Benchoshey Pereiró de Aguiar mantén a primeira posición, confirmando ser o equipo revelación do comezo de liga. Os candidatos máis habituais comezan a tomar posicións na cabeza do grupo, o vixente campión, Xadrez Ourense, xa é terceiro, ou o Xadrez Fontecarmoa segundo. Nos postos de descenso directo atopamos ao Padrón A con 10 puntos, ao Liceo Marquiño e Liceo Ourense con 8.5, e ao Alexandre Bóveda de pechacancelas con 5.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 25 de marzo. Saída complicada a Ferrol para os deportistas do primeiro equipo. O Xadrez Estratexia pola Paz enfrontarase ao Círculo Ferrolán de Xadrez na súa casa, un dos equipos máis veteranos da categoría, con fortes xogadores galegos como o son os Mestres, Diego Guerra, Pablo Fernández e Antonio Pazos.


Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez PontevedraUniversidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org