LIGA GALEGA DE XADREZ
Aberto Portela lidera a goleada ao Liceo Ourense.
Ouro, prata e bronce para os irmáns Ribeiro no Campionato Nacional de Portugal.
LIGA GALEGA DE XADREZ
1 de febreiro a 3 de maio. Ámbito autonómico.
O pontevedrés Alberto Portela foi o protagonista destacado da xornada. A súa vitoria, con pezas negras e fronte ao Gran Mestre cubano, Arián González, foi determinante para a consecución da goleada dos universitarios en Ourense. Un resultado que leva ao Xadrez Estratexia pola Paz ao liderado, en solitario, da máxima categoría do xadrez galego.
A que foi a novidade deste ano, no tocante a novas incorporacións, a familia Ribeiro, colleita os primeiros grandes éxitos como deportistas da Escola Xadrez Pontevedra. Gustavo Ribeiro acada o título de Campión de Portugal Sub 18, Margarida foi SubCampioa Sub 14, e Rodrigo Bronce no Sub 20,
“Os irmáns Ribeiro son tres das grandes promesas do país veciño, e sen dúbida unha gran nova para a nosa entidade. Vai ser un reto apaixonante acompañalos na súa evolución deportiva.” (Daniel Rivera, Presidente da EXP)
BALANCE DA XORNADA
4 vitorias, 1 empate e 7 derrotas, para os equipos universitarios na cuarta rolda da Liga Galega 2024. Os 6 equipos da Cuarta División agardan ao mes de abril pola programación do seu calendario.
DIVISIÓN DE HONRA
Liceo Ourensán de Xadrez 0.5 – 5.5 Xadrez Estratexia pola Paz
(Crónica despois do resumo de resultados)
PREFERENTE
Empate do Ramón Escudeiro Tilve no seu debut como equipo local. Tralo correctivo encaixado na rolda inaugural, 0 a 6, precisaban dun resultado positivo, pero non tiñan un rival nada sinxelo, o primeiro filial do Xadrez Ourense. O 3 a 3 final saíu das vitorias de Bernardo Rebollo, Miguel Rodríguez e Rodrigo González. Non acadaron puntuar, Miguel Palacios, David Fernández e Álvaro Maquieira.
PRIMEIRA DIVISIÓN
EXP Concello de Pontevedra 1.5 – 2.5 Xadrez Padrón B. O filial pementeiro acadou unha valiosa vitoria no Campus de Pontevedra. Para os locais acadou a vitoria André Herrera, empataba José Luís Bugallo e perderon Daniel Giráldez e Luís Alonso.
SEGUNDA DIVISIÓN. Grupos D e E.
Primeira derrota da rapazada do EXP UVigo no Grupo D. Recibían ao Padrón D, e caeron pola mínima, 1.5 a 2.5.
Cara e cruz no E, vitoria do EXP Non á violencia de xénero na visita ao Albatros C de A Garda; e derrota na casa do EXP Zona Informática fronte ao Xadrez Bueu B.
TERCEIRA DIVISIÓN. Grupo G.
No Grupo G, dúas vitorias. A do EXP Fai a túa mellor xogada, 3 a 1, fronte aos compañeiros do EXP Pontevedra en xaque. E 1 a 3 do EXP Chess Cares na súa visita ao Monte dos Pozos Caeu pola mínima o EXP Nona Gaprindashvili fronte ao Fundación Menela. O EXP Promesas, 0 a 4, co Mos H. E tamén caía o EXP Peóns do Lérez, 0,5 a 3,5 ante o Monte do Alba.
Os 8 equipos da cuarta categoría non comezaran a súa andaina ata o mes de abril ou a primeira quincena de maio.
CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Liceo Ourense 0.5 – 5.5 Xadrez: Estratexia pola Paz
5 vitorias e 1 empate conformaron o 5.5 a 0.5 do marcador final.
Se pensan en quen puido ser o que abriu o marcador, si, non erran, Rubén Fernández anotou o primeiro punto do encontro.
David García subiu, sen moitas complicacións, o 0 a 2 para os visitantes.
O empate de David Baltar fronte a Daniel Rivera, a partida en xogo da súa primeira espada, o Gran Mestre cubano, máis unha desvantaxe, de case unha hora, no reloxo do capitán, abrían unha porta ó anhelo local de poder acadar un resultado aceptable. Pero non foi así. Pablo García foi quen de dominar a presión do tempo. O seu instinto táctico levouno a atopar un fermoso remate, con sacrificio de dama incluído.
Alberto Portela fixo que parecese doado algo realmente complicado, derrotar con pezas negras a un Gran Mestre. Alberto superou claramente ao cubano no medio xogo, e anulou por completo calquera posible reacción do rival. A vitoria de Portela deixaba o marcador provisional en 0.5 a 4.5.
Víctor Miguel ía pechar o encontro cunha vitoria que non chegaba ata a cuarta hora de xogo, pero que xa estaba decidida moito antes. Víctor xogaba un final de torres cun peón de vantaxe e mellor Rei. Aos ollos dos expertos, unha cuestión de técnica, na que non perdoou.
Trala segunda rolda, o Xadrez Estratexia pola Paz encabeza a clasificación xeral, con 9,5 puntos. Seguido por Círculo Ferrolán, con 9.0, e Xadrez Ourense e Benchosey con 8.0.
Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, Liceo Ourense con 3.5, Xadrez Rianxo e Alexandre Bóveda con 2.0.
A vindeira xornada terá lugar o sábado 15 de febreiro. O Xadrez Estratexia pola Paz recibe ao Xadrez Rianxo, penúltimo clasificado.
Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org