A Selección Española de Xadrez para Cegos concéntrase en Pontevedra antes da Olimpiada Mundial
Os días 13, 14 e 15 de xuño, a Escola Xadrez Pontevedra (EXP) e a Universidade de Vigo acollerán na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra á Selección Española de Xadrez para persoas cegas e con discapacidade visual, nunha concentración preparatoria de cara á Olimpíada por Equipos de Xadrez para Cegos, que se celebrará do 16 ao 26 de xuño en Vrnjačka Banja (Serbia).
A Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC) escolleu Pontevedra como sede desta importante cita. A competición, organizada cada catro anos, é o torneo por equipos máis prestixioso a nivel mundial nesta disciplina. Nesta edición, o combinado estatal parte como cuarta cabeza de serie entre as 28 seleccións procedentes de catro continentes.
Para Pontevedra, supón unha honra acoller á selección nacional, e para a EXP e a Universidade de Vigo, un motivo de orgullo contar coa participación de dous representantes locais no equipo.
O galego David Fernández Lago, bicampión de España FEDC e cuarto clasificado no Mundial individual IBSA 2024, será un dos xogadores titulares. Xunto a el, o Mestre Internacional Daniel Rivera, director técnico da EXP, exercerá como seleccionador e adestrador do equipo.
Completan a selección:
- MI Daniel Pulvett Marín, campión mundial xuvenil IBCA e subcampión do mundo FIDE para persoas con discapacidade.
- Roberto Clemente Llamero, medalla de bronce no Campionato de Europa IBCA 2024.
- Miguel Arnedo Vigueras, multimedallista xuvenil e actual subcampión absoluto FEDC.
- Esmeralda Sánchez, campioa de España FEDC e subcampioa mundial feminina IBSA 2024.
Un equipo cheo de talento e ilusión, que aspira a situarse entre os mellores do mundo e loitar polas medallas.
Máis información sobre a competición:
👉 https://chess-results.com/tnr1170160.aspx?lan=1
Éxitos recentes do xadrez EXP – Universidade de Vigo
A pasada fin de semana, dous xogadores da EXP–Universidade de Vigo destacaron nos Campionatos Galegos individuais de Xadrez Rápido e Relampo.
- Rubén Fernández López proclamouse subcampión galego na modalidade de relampo.
- David García Sobrino proclamouse Campión Galego de Xadrez Rápido.
Estes logros engaden dous novos títulos ao palmarés do xadrez universitario pontevedrés.