3 a 3 na casa do campión.

IMG_5056

Comparte esta entrada

     

3 a 3 na casa do campión.

LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

O primeiro equipo da EXP-UVigo, o Xadrez: Estratexia pola Paz, afrontou unha das saídas máis complicadas da tempada fronte ao Xadrez Ourense, o vixente campión. Un equipo cunha nómina de titulados internacionais moi superior a calquera dos outros clubs galegos, malia que a gran maioría deles non xogou nunca a liga galega. Os de Pablo García reaccionaron ás alarmas que saltaban nas primeiras roldas. O resultado final foi o empate, pero con claro dominio dos universitarios, aos que se lles escapou a vitoria no último intre do encontro.

O capitán: “Non estamos aínda ao cento por cento, pero si no camiño de acadalo. A posibilidade de enfrontarse a rivais moi fortes, coma o foi o vixente campión, sempre nos axudou a desenvolver o noso mellor xogo”
Na terceira rolda, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 1 vitoria, 2 empates e 4 derrotas. Os tres equipos da cuarta categoría debutarán o 29 de abril:

Empate do Ramón Escudeiro Tilve na casa do Xadrez Marín. Vitorias de Rodrigo González e David Fernández, nos taboleiros 1 e 2. Derrotas de Luís Alonso e José Luís García no terceiro e cuarto.
O equipo, con 6 puntos, ocupa a sexta posición, cunha desvantaxe de 3 puntos co líder, o CXF-La Marina.

Na Segunda División o EXP-Non á violencia de xénero foi derrotado, 4 a 0, polo filial do Xadrez Fontecarmoa. As baixas de última hora forzaron o debut de dous deportistas da terceira categoría, Javier Lozano e Laura Alonso.
O equipo cae aos postos de descenso directo, cunha bagaxe de 3,5 puntos dos 12 disputados.

E na terceira categoría, perdeu o EXP-Concello de Pontevedra 3 a 1 na casa do Cultural Portas, o EXP-Universidade de Vigo 1 a 3 co Academia Enot. E xa no enfrontamento directo, o EXP-Zona Informática derrotaba, 3 a 1, aos compañeiros do EXP-Chess Cares.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Ourense A 3 – 3 Xadrez: Estratexia pola Paz

Visita ao Xadrez Ourense, vixente campión da categoría. Un equipo que presentou a cinco xogadores titulados, aínda que a ningún dos seus Grandes Mestres.
Rubén Fernández abriu a lata cunha boa vitoria fronte ao FIDE Master, Davig Gómez. Rubén amosou un excelente control teórico da apertura xogada, e non errou na transformación da vantaxe obtida. A súa agudeza táctica puxo a guinda pola vía rápida, e o primeiro punto para os visitantes.

A Campioa de España, a Mestra Internacional feminina, Yudania Hernández, chafoulle o debut co primeiro equipo a Juan Martínez Montes. Un erro grave na xogada 9, condenou a Juan a unha posición practicamente perdida. As imprecisións da cubano-hispana aínda lle permitirían manter a esperanza, pero non foi posible, contra a terceira hora confirmábase o primeiro punto local.

Os “Garcías”, Pablo e David, dominaron por completo aos seus rivais. O capitán o fixo dun xeito estratéxico, deixando sen oxíxeno as pezas do contrincante, mentres David o facía tacticamente, entregando material por un mellor desenvolvemento e harmonía das súas pezas. As súas vitorias subían o 1 a 3 ao electrónico, con Alberto Portela e Daniel Rivera aínda loitando.

Portela protagonizaba a partida tola da xornada, con variantes incribles, só descifrables polas mentes de silicio. Caos no taboleiro, pezas sen defender, os Reis sen protección. Imposible dilucidar o resultado final. Por dúas veces, puido chegar a un xaque perpetuo, e polo tanto o empate, máis escolleu outro camiño que aínda con vantaxe material, o condenou á derrota.

O golpe máis forte chegaría na de Rivera, o veterano Mestre Internacional pontevedrés levou o temón da partida dende o inicio pese a xogar coas pezas negras. No medio xogo consolidou a súa vantaxe estratéxica e transformouna en vantaxe material, cun peón de botín. Pero cando só lle quedaba a parte técnica de rematar a posición, chegou o bloqueo e dúas malas xogadas que o rival non ía deixar pasar. 3 a 3 final nun encontro que estivo moi de cara para os universitarios. Un bo resultado pero cun gran sabor agridoce.

Trala terceira rolda, Xadrez Benchoshey encabeza a táboa clasificatoria con 12,5 puntos, Círculo Chantadino é segundo con 12, e Xadrez Fontecarmoa terceiro con 10.5.
O Xadrez Estratexia pola Paz comparte a cuarta praza con Rianxo e Ferrolano, todos con 9,5 puntos.

Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, Alexandre Bóveda con 4,5, Liceo Marquiño e Liceo Ourense con 6,5, e a Escola Luguesa con 9.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 18 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz xogará no Green Campus de Pontevedra fronte ao Liceo Ourense.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org