10 equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo xogan na Liga Galega de Xadrez.

IMG_5056

Comparte esta entrada

10 equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo xogan na Liga Galega de Xadrez.


Debut con vitoria para o “Xadrez: Estratexia pola Paz” na máxima categoría.

LIGA GALEGA DE XADREZ
25 de febreiro a 20 de maio. Ámbito autonómico.

O sábado 25 de febreiro tivo lugar a primeira rolda da Liga Galega de Xadrez. Un total de 10 equipos defenden esta tempada as cores do Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo. 1 na División de Honra, 1 en Primeira, 1 en Segunda, 4 en Terceira, e 3 na Cuarta División.

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Green Campus de Pontevedra, será, un ano máis, a sede do xadrez pontevedrés e universitario.


A Liga 2023 recupera un formato similar ao existente antes da irrupción da pandemia. Na División de Honra, 12 equipos loitarán polo título de Campión Galego, todos contra todos a un único encontro. 4 equipos perderán a categoría.
A desaparición de equipos coma o Verín, a USC ou o Marcote, o contexto socio-económico, ou a incomodidade de moitos equipos co controvertido e procesado proceder da Federación Galega, provocan un notable retroceso no nivel da competición.

Rolda 1. Balance de 5 vitorias, 2 derrotas e 3 equipos sen comezar.

Por vez primeira na historia da entidade, un dos equipos estivo integrado unicamente por mulleres. Trátase do ChessCares da Terceira División. Alicia, Laura, Ainara e Carmen foron as artífices deste histórico, e agardamos que revulsivo fito.


Na rolda inaugural, o primeiro equipo, o Xadrez: Estratexia pola Paz, acadou unha vitoria pola mínima na súa visita ao equipo de Padrón.
Tamén pola mínima derrotou o Ramón Escudeiro Tilve ao Xadrez Rianxo B, na Primeira División, e o EXP-NON á violencia de xénero ao Xadrez Albariño A na Segunda.
Na Terceira División a rapazada do EXP-Concello de Pontevedra venceu 4 a 0 aos compañeiros do EXP-ChessCares. E 4 a 0 tamén para o EXP-Zona Informática ante o EXP-UVigo.

Os 3 equipos da Cuarta División aínda deben agardar pola programación do seu calendario.


CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA

Padrón A 2.5 – 3.5 Xadrez: Estratexia pola Paz

Visita a un dos chamados “equipos ascensor”, con forza suficiente para subir á máxima categoría, pero con moitos problemas para eludir o descenso.


Rubén Fernández foi o primeiro en puntuar para os universitarios, pero non acadou a vitoria. Pese a xogar coas pezas brancas, varios erros na apertura fixéronlle ter que se conformar co reparto do punto.


Os outros xogadores de brancas, Pablo García e David Sobrino non desaproveitaron a iniciativa, Unha vantaxe estratéxica do capitán, máis un bo ataque de David, puxeron aos de Pontevedra por diante.

O resto do equipo, con pezas negras, non o tivo nada sinxelo. Alberto Portela caía ante o Mestre Internacional, Espiñeira. Víctor Miguel non puido rematar unha posición que se lle puxera moi favorable, empate. E o Mestre Daniel Rivera tivo que tirar da súa experiencia nos finais de partida para rescatar medio punto dun xogo que se lle puxera moi costa arriba. Co empate de Daniel, asinábase a primeira vitoria do equipo, 2.5 a 3.5 na casa do Padrón A.

Trala primeira rolda, Círculo Chantadino encabeza a táboa clasificatoria con 5,0 puntos, Xadrez Benchoshey e Xadrez Rianxo comparten o segundo chanzo, ambos con 4.5.

O Xadrez Estratexia pola Paz ocupa a quinta praza, con 3,5 puntos.

Pechan a clasificación, en postos de descenso directo, o Liceo Marquiño con 1 punto, Círculo Ferrolano e Alexandre Bóveda con 1,5, e o Liceo Ourense con 2 puntos.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 4 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz xogará no Green Campus de Pontevedra fronte ao debutante Benchoshey Pereiro de Aguiar.


Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez