O Xadrez presencial regresa ao Campus Universitario de Pontevedra.

(R1) Pista de xogo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Comparte esta entrada

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on pinterest
Share on email

Debut con vitoria para o “Xadrez: Estratexia pola Paz” na máxima categoría.

LIGA GALEGA DE XADREZ

12 de febreiro a 9 de abril. Ámbito autonómico.

O sábado 12 de febreiro tivo lugar a rolda inaugural da Liga Galega de Xadrez, primeiro encontro presencial por equipos trala suspensión da liga 2020 pola irrupción da Covid-19,

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Green Campus de Pontevedra, é de novo a sede do xadrez pontevedrés e universitario. A ampla experiencia da entidade na aplicación dos protocolos de prevención, xunto as características dun espazo que permite o distanciamento entre os deportistas, máis a ventilación axeitada, fixeron posible a participación dos equipos na competición.

A Liga 2022 presenta un formato inédito e non exento de polémica. No 2020 a Federación Galega decidiu suspender a competición, dando por válidos os ascensos dos equipos, segundo a clasificación dese intre, e anulando os descensos. Tal decisión levou a unha División de Honra con 15 equipos fronte aos 12 habituais. Co argumento de non dispor de datas no seu calendario oficial, deseñaron dous grupos cun criterio aparentemente xeográfico, que xa foi modificado e novamente impugnado. A demanda dos clubs atopase neste intre ante o Xuíz Único.

O grupo B, ou “grupo da morte”, no que compite o equipo universitario, conta de 8 equipos, 4 deles, entre os 5 que acadaron o título nalgunha edición. Outro dato significativo é, que dos 13 Grandes Mestres inscritos, 12 xogan neste grupo. Á enorme diferencia de nivel dos grupos, súmase que no grupo B descenderá, de xeito directo, un equipo máis que no A, 3 fronte a 2. Un cuarto equipo deberá loitar pola permanencia. Polo tanto, tan só os primeiros catro terán a permanencia garantida, e ese e o obxectivo a acadar, salvo que a xustiza interveña antes.

Un total de 7 equipos defenden esta tempada as cores do Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo. 1 na División de Honra, 1 en Primeira, 1 en Segunda e 4 en Terceira. A cuarta división, na que se xuntaban os noveles dos clubs da provincia, foi cancelada pola Federación Galega.

Na rolda inaugural, á vitoria do primeiro equipo, sumouse o 4 a 0 do Ramón Escudeiro Tilve na Primeira División; o 4 a 0 do EXP-Universidade de Vigo no Grupo H da Terceira; e o 1 a 3 do EXP-Concello de Pontevedra ante os compañeiros do EXP-Zona Informática, no grupo I da Terceira.

Non debutaron o NON á violencia de xénero da Segunda, nin o da Terceira.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA

Xadrez: Estratexia pola Paz 5.5 – 0.5 Laroca-Nigrán A

Complicado debut para o recen ascendido Laroca-Nigrán A. Un equipo veterano que chegou á Universidade coa intención de plantarlle cara ao pentacampión, pese á diferencia, de ata máis de 500 puntos, na clasificación internacional dos seus xogadores.

Rubén Fernández foi o encargado se sumar o primeiro punto para os universitarios. Rubén é o xogador en mellor estado de forma, e sen dúbida, será un dos puntais do equipo nesta liga.

Daniel Rivera máis Alberto Portela non desaproveitaron a iniciativa de levar as pezas brancas, Unha vantaxe que transformarían, contra a terceira hora de encontro, no 3-0 provisional.

As mellores opcións para os visitantes chegaron nas partidas fronte a Pablo García, David García e Víctor Miguel. O capitán, tras unha fase inicial pouco ortodoxa e de dobre fío, tivo que agardar polas complicacións tácticas do medio xogo para controlar o partida e obter a vantaxe suficiente que lle outorgaría a vitoria. Víctor seguiría o guión contrario, vantaxe clara na fase inicial, que non soubo concretar. Nun final case sentenciado, os erros do rival permitíronlle rescatar o punto enteiro. E por último David, que chegou a ter desvantaxe material, foi quen de forzar un xaque perpetuo e polo tanto o empate. Un botín pequeno para os visitantes, pero que a lo menos non colleitaron un desagradable pleno de derrotas.


Trala primeira rolda, Xadrez Ourense encabeza a táboa clasificatoria con 6 puntos. Xadrez Estratexia pola Paz é segundo con 5.5, e Círculo Chantadino terceiro con 4.5.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 19 de febreiro. O Xadrez Estratexia pola Paz viaxará á cidade das Burgas para enfrontarse co Liceo Ourense.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org