O “Xadrez: Estratexia pola Paz” remata a fase de grupos no terceiro posto.

IMG_1129

Comparte esta entrada

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on pinterest
Share on email

 

COMPETICIÓNS

LIGA GALEGA DE XADREZ

O “Xadrez: Estratexia pola Paz” remata a fase de grupos no terceiro posto.

LIGA GALEGA DE XADREZ

12 de febreiro a 9 de abril. Ámbito autonómico.

Peche da fase de grupos con vitoria. 1.5 a 4.5 fronte ao Algalia A de Santiago de Compostela. Os composteláns son un dos equipos máis veteranos da Liga Galega, con grandes afeccionados ao xadrez, algúns deles, con máis de cinco décadas de experiencia. Un dos chamados “equipos ascensor”, pola súa dificultade en manterse na máxima categoría, pero á que regresan, case sempre, un ano despois do seu descenso. Pola parte universitaria, un paso máis na incorporación dos novos valores da entidade. Ás últimas incorporacións, as de Rubén e Juan Manuel, sumaron esta fin de semana, a de Luís Alonso. Un rapaz que xa o viña facendo moi ben no equipo filial, e que tivo o seu debut co primeiro equipo, debut con vitoria.

Na sétima e última xornada das fases de grupos, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 3 vitorias, 1 empate e 2 derrotas. Descansou o EXP-Non á violencia de xénero da Segunda División.

Primeira División

O Ramón Escudeiro Tilve remata a tempada cunha derrota fronte ao Xadrez Mos A. A única que ceden no curso, pero suficiente para ser adiantados polo seu rival na liña de meta.

O filial pontevedrés despídese da Liga no segundo posto, cunha bagaxe de 21,5 puntos, medio menos que o campión do grupo, o Mos A. O 23 de abril terán lugar os cruces polos ascensos entre os primeiros de cada grupo máis o mellor segundo. O Ramón Escudeiro, ó ter xa un equipo na máxima categoría, non poderá participar.

Xogaron polos universitarios, Rodrigo González, David Fernández, Álvaro Maquieira e Miguel Alonso.

Segunda División

O EXP Non á violencia de xénero, para o que xa rematou a competición na pasada rolda, finaliza na cuarta praza do Grupo G da Segunda División Galega.

Terceira División

O EXP-Chess Cares derrota 1.5 a 2.5 ao CXF Churrasco Rubiáns, provocando unha tripla empate na primeira posición do grupo. Liceo Pueblense, Liceo Noia e Chess Cares sumaron 14,5 puntos. O coeficiente de desempate outorgoulle o primeiro posto, e polo tanto o ascenso, aos da Pobra do Caramiñal. 162,25 puntos, polos 161,25 do Chess Cares, segundos, e 155,75 do Liceo Noia, terceiros. Vitorias de Juán Vidal e Alejandro Dios, empate de Isidro Cortizo, e derrota de Francisco Suárez.


O EXP-Universidade de Vigo despediu a tempada botando unha man aos compañeiros do Chess Cares. O seu empate en Noia, 2-2 fronte ao Liceo, foi suficiente para que os adiantasen na clasificación final. O equipo rematou no quinto posto, cun total de 12,5 puntos, a 2 dos 3 primeiros.

Caeu o EXP-Concello de Pontevedra 4 a 0 na súa visita ao CXF Comercial Arousa. O equipo remata terceiro do Grupo I da Terceira División Galega.
Xogaron Alicia Castillo, Laura Alonso, Ainara Pardo e Alexandre Santiso.

O EXP-Zona Informática derrotou 4 a 0 ao Xadrez Albariño. Con 12 puntos, finalizan na cuarta praza do Grupo I.
Xogaron Alberto Rial, Mateo Budiño, Xabier Bernárdez e Andrés Cacabelos.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA

Algalia A 1.5 – 4.5 Xadrez: Estratexia pola Paz


Saque e bolea, así poderiamos definir o estilo das promesas universitarias. De novo Juan Manuel abrindo o marcador pola vía rápida. Desta vez, secundado polo debutante, un Luís Alonso, incisivo e solvente, que non deu opción ao seu rival. Non quixo Rubén quedar atrás e o certo e que o buscou, tanto que, rexeitando incluso o empate por xaque perpetuo, pasou o límite. O seu rival non desperdiciou a súa oportunidade e sumou a única vitoria local. As vitorias de Rivera e David García subían o 1 a 4 ó electrónico. E na partida máis longa da xornada, máis de 5 horas de xogo, Alberto Portela demostrou a súas habilidades defensivas, rescatando un empate do que semellaba ía ser outra vitoria local.

Remata a fase de grupos co Xadrez Ourense primeiro clasificado con 32 puntos. Xadrez Verín segundo con 30,5, e Xadrez Estratexia pola Paz terceiro con 27,5. Perden a categoría o Laroca-Nigrán, Algalia A e USC.


O 23 de abril terán lugar os cruces dos grupos A e B da máxima categoría do xadrez galego. O Xadrez: Estratexia pola Paz terá que viaxar a Lugo para enfrontarse ao terceiro do grupo A, a Escola Luguesa de Xadrez. Un encontro que definirá os postos quinto e sexto da clasificación xeral. Os lucenses son os únicos do grupo A que contan cun Gran Mestre entre os seus titulados. Unha boa oportunidade para as promesas do equipo pontevedrés, no caso de que convoquen aos seus internacionais. “Ogallá presenten a tódolos seus xogadores titulados, mais temos que asumir que, por desgraza, o incentivo para facelo non é moi alto. A Federación Galega debería reflexionar sobre a súa actitude cunha competición na que chegaron a participar máis de 2.000 deportistas”.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org