O Xadrez: Estratexia pola Paz cae no tempo engadido fronte ao líder.

Yudania Hernández vs Daniel Rivera

Comparte esta entrada

COMPETICIÓNS

LIGA GALEGA DE XADREZ

O Xadrez: Estratexia pola Paz cae no tempo engadido fronte ao líder.

LIGA GALEGA DE XADREZ

12 de febreiro a 9 de abril. Ámbito autonómico.

Primeira derrota dos de Pontevedra na máxima categoría. O líder, sen a maioría dos seus internacionais, apea da loita polo título aos de Pablo García. “Se ben, as matemáticas aínda permiten manter a ilusión, o certo é que xa non dependemos de nós mesmos. Eramos sabedores de que nunha liga tan curta non se pode ter un tropezo, e chegou, no tempo de desconto, pero chegou. Visto o noso grupo, dende un inicio o obxectivo era a permanencia. Traballamos duro e xurdiu está oportunidade, doe perdela no último intre, pero o noso deporte é así, un último erro pode estragar o traballo de todo a partida.”

A falla de dúas roldas para o remate desta fase previa, o equipo da EXP-Universidade de Vigo queda a 7 puntos do primeiro clasificado, Xadrez Ourense, e a 2 do segundo, Xadrez Verín. Os universitarios xogarán as seguintes contra dous dos pechacancelas do grupo, mentres o líder terá por rivais aos de Verín, e tamén ó cuarto clasificado. Haberá loita ata o final.

Na quinta xornada, os equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo sumaron 3 vitorias e 3 derrotas. Descansou o EXP-Zona Informática da Terceira División.

Primeira División

O Ramón Escudeiro Tilve xa é líder en solitario. A súa vitoria, 0 a 4 fronte ao Albatros A de A Guarda, déixao á fronte da táboa clasificatoria, con 17,5 puntos. Un máis ca o segundo clasificado, o Xadrez Mos A.
Os puntos chegaron das mans de Miguel Palacios, Rodrigo González, Álvaro Maquieira e Luís Alonso.

Segunda División

O EXP Non á violencia de xénero consolida o cuarto chanzo da táboa clasificatoria. A vitoria, 2.5 a 1.5, fronte ao Breogan A de O Grove, deixa practicamente garantida a permanencia do equipo na Segunda División Galega.

Terceira División

O EXP-Chess Cares lidera unha semana máis a categoría. Unha nova vitoria, 2.5 a 1.5 fronte ao Padrón D, deixa ao equipo con 12 puntos á fronte da clasificación. Primeiros cunha vantaxe de punto e medio sobre os compañeiros do EXP-UVigo, segundos, e do Liceo de Noia, terceiros. Vitorias de Iván Fernández e Camilo Ojea, empate de Isidro Cortizo, e derrota de Francisco Suárez.

O EXP-Universidade de Vigo caeu 1 a 3 fronte ao CXF-Rubiáns. Xiana Portela foi a encargada de subir o punto ao marcador local. Xogaron, a propia Xiana, Rafael Martínez, Pablo Wen e Martín González.
A rapazada do EXP-Concello de Pontevedra perdeu en Marín por 4 a 0. Xogaron Alicia Castillo, Laura Alonso, Ainara Pardo e Alexandre Santiso.

O EXP-Zona Informática descansou nesta rolda.

CRÓNICA DIVISIÓN DE HONRA
Xadrez Ourense A 3.5 – 2.5 Xadrez: Estratexia pola Paz

Vitoria pola mínima para o equipo local. Os ourensáns botaron man de tan só tres dos seus xogadores titulados, e ningún dos Grandes Mestres. O choque pasaba a estar moito máis equilibrado, con Alberto Portela, Rubén Fernández e Juan Manuel Martínez en teórica lixeira desvantaxe fronte aos seus rivais, segundo a clasificación internacional de cada un deles, pero con Daniel Rivera, Víctor Miguel e o propio capitán, con mellor clasificación.


Unha vez máis, os máis novos tamén serían os máis veloces, aínda que con desigual sorte. Derrota de Rubén e vitoria dun impresionante Juan Manuel, que conta por vitorias, as súas partidas das últimas dúas tempadas.

Mantívose a igualdade co empate entre dous olímpicos, Rivera por Uruguai e a hispano-cubana Yudania Hernández co noso equipo nacional.

O Mestre portugués, André Sousa, achegaría aos locais á vitoria final. Superou a Portela nun choque no que estivo máis preciso nos momentos críticos.

O marcador de 2.5 a 1.5 obrigaba aos de Pontevedra a pisar o acelerador, e así o fixeron. Pablo García aumentou a presión ata forzar un erro decisivo do rival. De novo empate no marcador, 2,5 a 2,5., coa loita entre Víctor Miguel e Filipa Piripas, que parecía decantarse para os visitantes. Ambos xa sen tempo nos seus reloxos, xogaban co incremento, os segundos engadidos de facer cada unha das xogadas. Un risco coñecido, que pode dar a volta a unha partida. E así foi, nun final técnico, no que os de Pontevedra contaban coa vitoria ou empate, Víctor colocou o seu bispo, na única cela na que non o podía deixar. Filipa non deixou escapar a súa oportunidade, capturou a peza e fíxose coa vitoria da partida e do encontro, 3.5 a 2.5 para o Xadrez Ourense.

Trala quinta rolda, Xadrez Ourense é primeiro con 26 puntos. Xadrez Verín sobe ao segundo chanzo con 21, e o Xadrez Estratexia pola Paz e terceiro con 19. Nos postos de descenso directo atopamos ao Laroca-Nigrán con 5, Algalia con 9,5 e USC con 10.5.

A vindeira xornada terá lugar o sábado 26 de marzo. O Xadrez Estratexia pola Paz recibe ao Universidade de Santiago de Compostela, En postos de descenso directo, é un dos equipos que está a pagar os pratos rotos dos cambios introducidos pola Federación Galega na competición. No “grupo da morte”, como mínimo, dous dos clásicos da máxima categoría do xadrez galego, e poden ser tres, perderán a categoría.

Toda á información dos equipos de xadrez da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na páxina web www.xadrezpontevedra.com Facebook www.facebook.com/XadrezUVigo ou na páxina web oficial da Federación Galega de Ajedrez www.fegaxa.org